sábado, 29 de agosto de 2009

LIGA NORTE, un dos partidos que apoia a Berlusconi, anima en Facebook a torturar aos inmigrantes




Insurxente.- O líder de Liga Norte, Umberto Bossi, atópase, segundo
varios medios italianos, entre as persoas que se agregaron a un grupo de Facebook
que defende que é lexítimo torturar aos inmigrantes ilegais.
Na imaxe do perfil do grupo pódese ver o símbolo da xenófoba e
ultradereitista Liga Norte, socia no Executivo de Silvio Berlusconi, e un
lema que reza: "Inmigrantes clandestinos: ¡Tortúraos!.É lexítima defensa".


Axencias/insurxente.-

Un total de 400 nomes figuran na lista de persoas que aceptaron unirse
a este grupo e entre eles aparece un suposto Umberto Bossi, o seu fillo Renzo,
o portavoz da Liga na Cámara dos Deputados italiana Roberto Cota ou
o deputado Enzo Erminio Boso.

O grupo de Facebook espertou unha ampla polémica en Italia, e foi
criticado, entre outros, polo ex-secretario xeral do Partido Demócrata
(PD) Walter Veltroni que o considerou "inaceptable" e asegurou que pedirá ao
Ministro do Interior, Roberto Maroni, que actúe para que borre a páxina.

Esta noticia salta días despois de que se descubrise que a páxina oficial
de Liga Norte en Facebook incluíra un videoxogo que se baseaba en acumular
puntos a base de afundir o maior número de pateras que se achegasen
ás costa italianas.


Baixo o nome de "Rebota ao clandestino", o xogador conseguía máis puntos
canto máis grandes eran os barcos que afundía. Se non conseguides o número
suficiente de puntos, aparecía un aviso que dicía: "Proba de novo e verás
que a próxima vez conseguirás demostrar que es un verdadeiro membro da
Liga".


O xestor da páxina era o fillo do líder da Liga, Umberto Bossi. Tras
varias denuncias, os xestores da rede social decidiron prohibir e
eliminar a aplicación.