O KKE condena a acción provocadora e escandalosa do goberno polaco que, utilizando a campaña anticomunista desenvolvida nas filas da supostamente democrática UE, prohibiu o uso dos símbolos comunistas en Polonia.
Esta nova prohibición anticomunista entra en flagrante contradición coas recentes celebracións dos partidarios do capitalismo ao redor da caída do muro de Berlín e as súas declaracións sobre a "democracia" e a "liberdade". Iso revela a falsidade e a hipocrisía da democracia burguesa. A prohibición dos símbolos comunistas nos países da UE demostra que os gobernos e os seus mecanismos temen unha nova contraofensiva por parte do movemento revolucionario obreiro e popular porque saben que as contradicións do capitalismo son irreconciliables e que o futuro pertence a unha sociedade sen explotación do home polo home, ao socialismo-comunismo.
O KKE exhorta ao pobo grego a condenar e esixir a abolición desta prohibición, así como das anteriores persecucións e prohibicións anticomunistas nos países da UE.
A fouce e o martelo, a estrela vermella, que, xa antes, foron perseguidos nos países bálticos e Hungría e agora sono tamén en Polonia, representan a loita pola abolición da propiedade privada sobre os medios de produción, a loita contra a explotación capitalista. Son o símbolo do sangue e o sacrificio de millóns de comunistas que estiveron na vangarda da loita antifascista, que xogaron un papel dirixente na derrota do fascismo na Segunda Guerra Mundial. Eles simbolizan as loitas pola xornada de 8 horas, pola seguridade social, a educación e atención sanitaria gratuítas, así como outros importantes logros conseguidos polo pobo traballador cos comunistas desempeñando o papel dirixente, grazas á influencia da construción socialista na URSS e noutros países da Europa Oriental e Central. Hoxe en día estes logros son abolidos debido a política antipopular que serve aos beneficios dos grupos empresariais e á crise capitalista mundial que mostra os límites históricos do capitalismo.
Os imperialistas tentan borrar os logros do socialismo da conciencia dos pobos de Europa. Por esa razón, perseguen a ideoloxía comunista en Polonia e outros países da UE, ilegalizan os partidos comunistas, distorsionan desvergoñadamente a historia, calumnian ao socialismo con enormes mentiras e tratan de impor a equiparación do comunismo e o fascismo.
O KKE expresa a súa solidariedade fraternal co PC de Polonia e con todos os comunistas polacos e declara que loitará xunto a eles para deter a loita contra o comunismo e o amedrentamento de todos os pobos que loitan polos seus dereitos e polo futuro da clase obreira.
Atenas, 3.12.2009
CC do KKE