terça-feira, 12 de janeiro de 2010

RESPONDER Á PRESIDENCIA ESPAÑOLA DA UNiON EUROPEA



RESPONDER Á PRESIDENCIA ESPAÑOLA DA UNiON EUROPEA
INTENSIFICANDO A LOITA DE CLASES.

-DECLARACIÓN DO COMITÉ EXECUTIVO -

I. A PRESIDENCIA ESPAÑOLA DA
UNIÓN EUROPEA.
A Presidencia Española da Unión Europea, que se desenvolverá entre xaneiro e xuño de 2.010, comezou nun escenario marcado pola crise estrutural capitalista.
Durante os próximos meses as clases dominantes porán en marcha unha batería de medidas para tentar impulsar o cambio de ciclo económico e renovar a reprodución ampliada do capital, afectando ao mercado laboral e aos dereitos sociais; e desenvolveranse os plans para recolocar aos países da UE nun escenario internacional caracterizado pola agudización das
contradicións interimperialistas, froito do proceso de repartición económica do planeta que se está a desenvolver, o que ha traer graves consecuencias para os países empobrecidos. No seo da UE agudizaranse as diferenzas entre o eixo París-Berlín e o resto de países membros, situados cada vez máis nunha posición subordinada.
As masas traballadoras do noso país, dado o carácter de clase da UE, seguirán vendo como empeoran as súas condicións de vida e traballo durante 2.010 e soportarán unha dura campaña ideolóxica dirixida a lexitimar a denominada “construción europea” da man
da posta en marcha do Tratado de Lisboa, en vigor desde que foi imposto aos nosos pobos o 1 de decembro de 2.009.
O Partido Comunista dos Pobos de España, mediante a
presente declaración, alerta á clase obreira e ás maiorías populares das desastrosas consecuencias que terán as políticas deseñadas pola Presidencia Española para os seus intereses inmediatos e futuros. Fronte ás políticas explotadoras e imperialistas da UE, os
próximos meses debense caracterizar por un incremento da mobilización popular, da loita obreira polos dereitos das grandes maiorías. Trátase dun momento propicio para
desenmascarar o verdadeiro carácter da Unión Europea ante as masas, para erguer unha fronte antiimperialista capaz de opor a solidariedade entre os pobos aos intereses imperialistas, e para organizar o contraataque obreiro e popular contra o capitalismo coa
conquista da sociedade socialista como obxectivo.
II.O CARÁCTER IMPERIALISTA E REACCIONARIO DA UNIÓN EUROPEA.
O movemento comunista europeo deu pasos importantes nos últimos anos para caracterizar correctamente o proceso de construción da UE e os intereses clasistas que representa.
En marzo de 2.008 tivo lugar en Atenas, a iniciativa do Partido Comunista de Grecia (KKE), un Encontro de Partidos Comunistas baixo o título “as loitas populares”. No comunicado final conxunto do citado encontro diciamos:
“Subliñouse que o desenvolvemento da CEE e, posteriormente, da UE, é a opción das principais potencias e do capital monopolista da Europa Occidental. A UE promove medidas neoliberais a favor dos monopolios e da concentración e acumulación de capital. A UE non pode representar un verdadeiro contrapeso aos EEUU en favor do pobo. Co Tratado de Lisboa, estanse a dar novos pasos cara á mellor configuración da UE como un bloque
imperialista económico, político e militar que vai contra os intereses dos traballadores e os pobos. A soberanía e a independencia dos pobos e os estados están sendo aniquiladas. Os participantes denunciaron con firmeza a adopción do Tratado sen
consultar aos pobos”.
Na contribución do PCPE ao citado encontro comunista afirmábase:
“A Unión Europea é o proxecto do capital monopolista, da plutocracia das principais potencias da Europa Occidental. Pisotea a soberanía e a independencia dos nosos pobos e dirixe as súas políticas ao incremento da taxa de explotación que sofre a clase obreira e á transferencia constante de rendas do traballo a mans da oligarquía, tentando compensar
a tendencia decrecente da taxa de beneficios.”.

Ante as Eleccións ao Parlamento Europeo celebradas o 7 de xuñode 2.009, vinte e un partidos comunistas subscribiamos un documento que non deixa lugar a dúbidas sobre o carácter e contido de clase da Unión Europea. No comunicado conxunto afirmábase:
“A UE é unha opción do capital. Promove medidas a favor dos monopolios, da concentración e centralización do capital. Co “Tratado de Lisboa”, as súas características de bloque
económico, político e militar imperialista fortalecéronse en contra dos intereses dos
traballadores e os pobos. Estase a reforzar o armamentismo, o autoritarismo e a represión estatal.”
O PCPE ratifícase en caracterizar á Unión Europea como bloque económico, político e militar imperialista, de carácter agresivo e reaccionario, que organiza as súas políticas ao servizo dos
monopolios e da oligarquía e en contra dos intereses da clase obreira, das maiorías populares e dos pobos que loitan pola súa soberanía e emancipación.
A Unión Europea non é reformable nun sentido progresista.
Desde a súa orixe foi unha estratexia do capital monopolista dirixida contra o socialismo, dirixida contra as conquistas da clase obreira e orientada a debilitar a loita da clase obreira por todos os medios ao seu alcance.
O imperialismo tende á reacción en todos os terreos. A utopía dunha Unión Europea máis social e democrática, capaz de pór freo ao imperialismo estadounidense, é unha inxenuidade
imperdoable ou un engano consciente ás masas traballadoras.
Lenin tiña razón ao afirmar que, desde o punto de vista das condicións económicas do imperialismo, os Estados Unidos de Europa -como se dicía daquela-, baixo o capitalismo, son imposibles ou son reaccionarios; e serán aínda máis reaccionarios na medida na que
se agudice a loita de clases, na que se desenvolva a loita dos pobos contra a dominación imperialista, na que se acentúen as contradicións entre os distintos polos imperialistas pola repartición de áreas de influencia para o saqueo dos recursos naturais e humanos dos países empobrecidos.
Para o PCPE, calquera análise ou práctica política que conduza á colaboración coas estruturas da UE, ou á súa mera aceptación, ten e terá consecuencias nefastas para o movemento obreiro e popular dos nosos países, e xa que logo debe ser combatido.
Por estas razóns, o PCPE loita para que o noso país rache de forma inmediata coa Unión Europea do capital e a guerra saíndo desa alianza depredadora. Esta é a postura que defendemos no movemento obreiro e popular fronte ás organizacións e partidos
que forman parte do Partido da Esquerda Europea e fronte ás
cúpulas de CCOO e UXT, centrais sindicais españolas afiliadas á CES e defensoras da Unión Europea, á que consideran reformable.

III. PRIORIDADES DA PRESIDENCIA ESPAÑOLA: O
DITADO DOS MONOPOLIOS.
O Goberno do PSOE, ao asumir a Presidencia de quenda da UE, definiu xunto ás Presidencias de Bélxica e Hungría unha serie de prioridades
para o próximo período:
- A inmediata aplicación e desenvolvemento do Tratado de Lisboa.
- A denominada Nova Estratexia para o Crecemento e o Emprego .
- A implementación da política exterior europea.
Para o PCPE, o Tratado de Lisboa constitúe un duro ataque e unha burla á soberanía popular. As oligarquías europeas, tras fracasar no seu intento de impor a chamada “constitución Europea”, tratan de facer avanzar novamente a súa estrutura de dominación.
Tras a derrota sufrida no referendo francés e holandés tardaron case dous anos en recompor a súa estratexia para adecuar a superestructura da UE, procurando respostar ás crecentes dificultades que comezaban a se evidenciar no proceso
da reprodución ampliada do capital. O seu obxectivo, alcanzado mediante a chantaxe e as presión ao pobo irlandés -que rexeitara o Tratado de Lisboa nun referendo preceptivo- e adoptándoo sen consultar ao pobo no resto de países, continúa sendo o mesmo: avanzar na consolidación dun polo imperialista configurando á UE como bloque que trata de competir co resto de polos imperialistas, abandeirando políticas de explotación, saqueo, destrución ambiental e guerra en todo o planeta.
O Tratado de Lisboa incorpora ao ordenamento xurídico da UE os
elementos máis perniciosos da chamada “Constitución
Europea”, en síntese:
a) Prosegue a liquidación de elementos básicos dademocracia formal - burguesa -, outorgando competencias esenciais a órganos non electos por sufraxio universal. Recorta os dereitos individuais e liberdades públicas, institucionalizando unha vixilancia sen límites á poboación, o que inclúe fichas con datos ideolóxicos, políticos
e filosóficos dos cidadáns e cidadás.

b) Consagra o neoliberalismo como política económica oficial do mercado europeo, en contra dos intereses da clase obreira e das maiorías populares dos nosos
respectivos países.
c) Devalúa os dereitos sociais e os servizos públicos -denominados servizos económicos de interese xeral -, abrindo as portas á privatización de servizos esenciais, como a sanidade ou a educación, e entregando novos espazos á acumulación capitalista.
d) Profunda na integración policial e xudicial, elementos crave na represión de toda contestación obreira e popular ás súas políticas. O control da acción política e sindical dos traballadores e o intercambio de informacións policiais e de intelixencia será xeneralizado.
e) Continúa a militarización da Unión Europea e increméntase a participación nas agresións
imperialistas da OTAN e os EEUU. Asúmese o dogma da “guerra preventiva” e institucionalízase o dereito a intervir política e militarmente en calquera lugar do mundo
a través das chamadas “forzas de reacción rápida”.
f) E, para rematar, a decisión de “reforzar a dimensión exterior da Unión Europea”, no marco da “Estratexia de Lisboa”, significa e agocha un ataque de envergadura contra os dereitos laborais, sociais e de seguridade social seguindo os ditados do capital monopolista.
A denominada Nova Estratexia para o Crecemento e o Emprego “Europa 2.020” é outra das “preocupacións” do Goberno do PSOE ante a Presidencia Europea.
A socialdemocracia xoga un papel esencial no “rescate” do sistema capitalista, duramente golpeado pola crise. Tratan de presentar a crise como un mero problema de xestión do sistema, imputable aos excesos do neoliberalismo e á falla dun control
político eficaz do sector financeiro. O discurso do Presidente do Goberno e do PSOE ante a crise e a Presidencia Española, caracterízase polo subxectivismo, a negación da realidade e o constante engano ao pobo.
O PSOE, do mesmo xeito que o resto de partidos socialdemócratas da UE,
tenta convencer ás masas populares de que atoparon unha fórmula que permite combinar a xustiza social co desenvolvemento capitalista, para iso articulan o discurso baleiro do “desenvolvimento sustentable” no económico, o social e o ambiental. Menten nas tres vertentes.

O certo é que durante o presente semestre, planificarase o progresivo retorno ao Pacto de Estabilidade e Crecemento e proseguirá o proceso de concentración e centralización do capital.
O certo é que continuarán recortando os dereitos sociais e laborais conquistados pola loita da clase obreira. A Directiva de Servizos (Directiva Bolkestein), a Directiva de Retorno (Directiva da Vergoña), ou os novos intentos de adoptar a Directiva de Tempo de Traballo (Directiva das 65 horas) son un bo exemplo do futuro que a UE depara para millóns de traballadores e traballadoras.
O certo é que a denominada “economía” busca tan só entregar novos espazos ao sector privado para a reprodución capitalista e reducir a dependencia enerxética da UE -
nomeadamente de países como España -, tentando recolocarse fronte a outras potencias imperialistas nun escenario de crise internacional e de contradicións crecentes.
O tipo de compromiso ambiental da Unión Europea quedou patente no recente Cumio de Copenhague onde, da man do goberno danés, ceñíronse ao disposto polo
imperialismo estadounidense e, xuntos, asestaron un golpe demoledor ao Protocolo de Kyoto, tentaron impor un acordo aos países do Terceiro Mundo buscando ao mesmo tempo supeditar aos chamados “países emerxentes” e pervertiron miserablemente o funcionamento da ONU.
Lonxe do afirmado polo Goberno Español no seu programa para a Presidencia Española da UE, en Copenhague non se alcanzou acordo algún. Estados Unidos, aliado aos países da OTAN, tratou de impor os seus intereses. E ante os Estados Unidos e as propostas imperialistas de Obama houbo dúas actitudes ben diferentes: a de quen se axeonllaron e aplaudiron as posiciónsimperialistas, tatexando en nome dos monopolios - como o Goberno do PSOE e a UE - e as daqueloutros países que como
Cuba, Venezuela, Bolivia ou Nicaragua defenderon a legalidade, falaron polos traballadores e traballadoras do campo e a cidade, defenderon a dignidade soberana dos pobos e o futuro da humanidade.
A política exterior europea será outra das prioridades da Presidencia Española. Trátase nin máis nin menos que de colocar á Unión Europea, malia as contradicións internas que persisten e persistirán, nunha mellor posición para participar na nova vaga de devastación imperialista, saqueo e repartición económica do planeta.
Incrementarase a colaboración co imperialismo estadunidense,
o que denominan reforzar o “diálogo transatlántico”, impulsando aínda máis a entrega da soberanía dos pobos europeos ao imperio ianqui e ás súas bases militares.
Incrementarase o militarismo na perspectiva de novas guerras imperialistas. A Política Común de Seguridade e Defensa e a potenciación da Axencia Europea de Defensa serán obxectivo prioritario baixo as políticas de “guerra preventiva” e de “guerra
contra o terrorismo”.
Ampliaranse as alianzas para continuar explotando aínda con maior agresividade os recursos naturais de países empobrecidos e para o control de zonas estratéxicas. Aparece un novo escenario de guerra e de destrución no Corno da África a través dos conflitos coa Somalia e o Iemen, con argumentos diferentes, pero cun mesmo
obxectivo.
Tratarase de estender a UE ao leste, acaparando novos mercados e sobreexplotando a man de obra local. Nos vindeiros meses veremos o ingreso da Croacia na UE, a continuación das negociacións con Turquía ou o intento de asalto aos países
balcánicos.
Procuran recolonizar a América Latina e o Caribe tratando de dividir
aos pobos e de debilitar o proxecto do ALBA. Do mesmo xeito que o imperialismo fixera con éxito ante o antigo campo socialista, a UE busca establecer relacións claramente diferenciadas cos países da rexión para tratar de frear e de romper o actual proceso de unidade latinoamericana. Tratarán de pechar acordos con algúns
países de Centroamérica e con México, á vez que fortalecen as súas alianzas co goberno de Colombia e do Perú, executores dos plans imperialistas para América Latina.
Continuarán mantendo o silencio cómplice co imperialismo ianqui sobre as provocacións militaristas e a xestación de golpes de estado, principalmente contra os países membros do ALBA (Venezuela, Honduras, Paraguai), así como o intento de socavar á Cuba socialista a través da Posición Común ou de plans alternativos
coa mesma finalidade e en aberta violación das leis internacionais.
Golpearase aos pobos en loita polos seus lexítimos dereitos e reforzarase a colaboración con gobernos criminais. Así, o Goberno do PSOE tentará pechar o Tratado de Libre Comercio co criminal Álvaro Uribe, Presidente do Goberno narco - paramilitar da Colombia, responsable do asasinato de centos de sindicalistas, de traballadoras e traballadores, de campesiños e campesiñas, de estudantes e de todo aquel que se opoña á súa corrupta política. Un personaxe que debería ser xulgado e axustizado como responsable de delitos de lesa humanidade convértese en aliado estratéxico da UE,tras entregar a soberanía do seu país ao imperialismo estadounidense coa instalación de setes novas bases militares
destinadas a intensificar a guerra contra o pobo colombiano e a preparar
novas agresións contra os países do ALBA.
Igualmente, e tras os recentes acordos en materia agrícola, celebrarase un Cume con Marrocos, no marco da Política Europea de Veciñanza, para o desenvolvemento do “estatuto avanzado”, obviar os crimes cometidos contra o propio pobo marroquí
por esa monarquía corrupta e ditatorial - irmá da española -, e sepultando o dereito do pobo saharauí á súa libre autodeterminación. O Goberno do PSOE, tal e como demostrou a loita heroica da compañeira Aminatu Haidar, entrega o Sahara
Occidental á ditadura marroquí e abandona as súas obrigas legais en materia de descolonización.
Outro tanto pode dicirse da política cara a Israel. Entre as prioridades da
Presidencia Española atópase o fortalecer as relacións co goberno sionista, o mesmo réxime terrorista responsable do xenocidio de milleiros de palestinos e con quen se fortalecerá o comercio e as relacións económicas, incluída a venda das armas que serven para tratar de exterminar ao pobo irmán da Palestina.
Finalmente, a Presidencia Española fixa como prioridade
traballar polo que denominan “Unha Europa de dereitos e liberdades, unha Europa para os cidadáns”. Seguramente sexa este o aspecto máis demagóxico de cantos conten o programa da Presidencia Española. Tras expor como único
obxectivo anunciado o de “democratizar” a UE mediante a regulación da “iniciativa lexislativa cidadá”, e a habitual retórica arredor da Carta de Dereitos Fundamentais, escóndese o obxectivo real: incrementar os mecanismos de represión contra os
pobos da man do Programa de Estocolmo e da procura dun acordo para adoptar a Estratexia Europea de Seguridade Interior.
Non lembra o Goberno do PSOE os voos “segredos” da CIA; as matanzas de civís en Afganistán (co asasinato de tres nenos ao día de media no último ano); os miles de traballadores inmigrantes encarcerados sen dereitos nos Centros de Internamento;
a recente brutalidade policial contra os manifestantes en Copenhague e en cada loita que libra a clase obreira e o pobo?
Ou seica os dereitos cidadáns dos que fala teñen máis que ver coa ilegalización de organizacións políticas vascas, coas torturas a militantes nos cuarteis, co terrorismo de estado ou coa recente desaparición do militante independentista vasco Jon Anza?
O que na actualidade sucede con miles de traballadores inmigrantes
en España, onde se incrementaron expoñencialmente as ordes de expulsión, onde as vivendas dos inmigrantes son rexistradas polas forzas policiais, onde os traballadores “sen papeis” son perseguidos e reprimidos a diario, onde se levantan
Centros de Internamento -verdadeiros campos de concentración ampliando
o período de encarceramento sen dereitos mediante a Directiva da Vergoña, ou as constantes mortes no Estreito de Xibraltar ou nas costas canarias; son algúns dos exemplos da “Europa de dereitos e liberdades” que constrúe a socialdemocracia da man da dereita. Como o é a intensificación da campaña anticomunista que atravesa a
Unión Europea, empregando a manipulación ideolóxica, a revisión histórica, a criminalización e estigmatización da loita comunista, coa constante persecución e ameaza de ilegalización dos partidos comunistas nun número crecente de países, cuxos últimos episodios sitúanse na República Checa, mediante o intento de ilegalización
do Partido Comunista de Bohemia e Moravia, e no noso propio país mediante o intento reaccionario da Real Academia Española definir ao comunismo como “réxime totalitario”, seguindo os pronunciamientos anticomunistas de diferentes instancias da Unión Europea.

IV. RESPOSTEMOS INTENSIFICANDO A LOITA DE CLASES.

Ás propostas da socialdemocracia, que defenden os intereses do capitalismo monopolista, resúltanlle funcionais e de suma utilidade as posicións de sectores políticos e sindicais que operan no seo da clase obreira e das masas populares europeas.
A confianza depositada pola Confederación Europa de Sindicatos na defensa por parte do Goberno Español da “Europa social” e o seu chamamento a concertar un “Novo Pacto Social”, supón unha verdadeira traizón aos intereses da clase obreira española e europea, pois pretenden apartar ás masas do camiño da loita e subordinar os seus intereses aos da Unión Europea e os monopolios.
Esta posición é apoiada polas cúpulas sindicais de CCOO e UXT, que viven unha nova lúa de mel coa CEOE na procura da sinatura dunha nova reforma laboral que, en plena crise capitalista, continúe o retroceso de dereitos laborais da man da “FLEXISEGURIDADE”.
E na mesma posición, á marxe de matices que buscan a autoxustificación ante o pobo traballador, sitúanse as contornas do Partido da Esquerda Europea e dos seus membros españois (IU e PCE), reconvertidos en “á esquerda” da socialdemocracia europea.
As suas consignas pola “Europa Social” e pola “Europa do Pleno Emprego”, cando en todo momento se refiren á Unión Europea, docifican ante a clase obreira a intensificación da explotación
capitalista e da agresividade imperialista que realmente representa a UE, desorientando á clase coa eterna consigna dun “Capitalismo máis humano” conquistado mediante reformas graduais (banca pública, regulación estatal do mercado, Taxa Tobin, etc.) que segundo eles culminarán, algún día, no indefinido “socialismo democrático” que prometen.
Esa non é a realidade que viven os máis de catro millóns de parados que malviven no noso país nin dos máis de vinte e cinco millóns de parados da UE; nin os 1.136.500 fogares obreiros con todos os seus membros no paro en España. Tampouco de máis do 20% da poboación española excluída polo capitalismo da produción e que viven en condicións de pobreza (un 17% na UE).
O comunicado feito público pola Secretaría de Relacións Internacionais do PCE, baixo o título “O PCE aposta por intervir de forma positiva desde a presidencia española da UE”, é o mellor exemplo dos cantos de serea do reformismo, de embelecemento do monstro imperialista que é a UE, de intento de colocarse nunha posición de oposición desde o respecto ás estruturas da Unión Europea, velando os intereses de clase en xogo, xerando a falsa ilusión de que é posible unha xestión da Presidencia Española a favor dos intereses do pobo traballador ou dos países oprimidos.
A Unión Europea é un instrumento agresivo das clases dominantes levantado en contra dos traballadores e dirixido contra o socialismo, xa que logo a clase obreira debe dirixir a súa acción contra a UE, abandonando toda ilusión de ver colmadas as súas necesidades e as súas ansias de emancipación no marco da violencia organizada dos monopolios a escala europea.
A cuestión central ante a Presidencia Española da UE non é a loita por unha “UE máis social”, senón a necesaria e urxente intensificación da loita de clases, é a organización da clase obreira e dos sectores populares para o contraataque contra o capitalismo, na perspectiva da construción do socialismo, é organizar a resistencia e a desobediencia ás políticas da UE, é situar como obxectivo político da clase obreira e das grandes maiorías a ruptura coa Unión Europea do capital e a guerra.
Situámonos a favor da unidade de acción comunista, da esquerda e do movemento obreiro e popular contra a Unión Europea, para confrontar co capitalismo con vocación de masas e unha estratexia revolucionaria de insubordinación e ruptura coa UE que aglutine a amplos sectores do pobo traballador.
V.- PROPOSTA DE LOITA DO PCPE.

O PCPE chama aos traballadores e traballadoras, á mocidade, aos autónomos asfixiados pola crise, aos pequenos labregos e xornaleiros, ao movemento obreiro e sindical e á militancia de esquerdas
organizada nos movementos sociais, a loitar con contundencia contra a UE e contra os plans antiobreros e antipopulares da Presidencia Española, a erguer desde a mobilización unha frente antiimperialista que faga súas as seguintes propostas de loita:
- Pola soberanía e a democracia contra a ditadura do capital. Rachar as cadeas imperialistas da UE.
Saída do Estado Español da Unión Europea.
- Polos dereitos da clase obreira e das maiorías populares. Combater as Directivas da Unión Europea. Loitar contra calquera tentativa de impor a Directiva das
65 horas.
- Polos dereitos sociais e contra as privatizacións.
Combater pola socialización dos medios de produción e da banca. Derrotar a Directiva de Servizos (Directiva Bolkestein). Recuperar os servizos estratéxicos privatizados (enerxía, sanidade, transporte, etc.).
- Polo ensino público, científico, laico e de calidade.
Loitar contra o Proceso de Bolonia e a crecente
privatización do ensino.
- Pola solidariedade e a unidade dos traballadores fronte á . Todos os dereitos
para os traballadores e traballadoras inmigrantes. Loitar contra a Directiva da Vergoña, o Tratado de Schengen e o FRONTEX. Ninguén é inmigrante.
- Pola liberdade contra o anticomunismo, o racismo, o fascismo e a represión. Loitar contra o Programa de Estocolmo e a Estratexia Europea de Seguridade Interior.
Combater a campaña anticomunista posta en marcha pola Unión Europea, defender as experiencias de construción socialista habidas no século XX e fortalecer a loita dos partidos comunistas. Frear o avance da extrema
dereita.
- Polo internacionalismo proletario contra a guerra imperialista. Fóra tropas imperialistas de Iraq, Líbano, Afganistán, etc. Retorno inmediato das tropas españolas.
Combater contra a repartición de África entre as grandes potencias. Non á Operación Atalanta. Loitar contra a militarización da economía, a Política Común de Seguridade e Defensa e a Axencia Europea de Defensa.

- Pola paz, a amizade e a solidariedade antiimperialista.
Nin OTAN nin EURO EXÉRCITO, BASES FÓRA.
- Non á ampliación da Unión Europea. Por unha política internacionalista que defenda os intereses dos traballadores e traballadoras de todos os países fronte á alianza monopolista explotadora e depredadora que é a UE.
- Co pobo cubano e a súa Revolución Socialista contra o imperialismo. Chamamos ao movemento de solidariedade con Cuba a facerse presente na loita contra a Presidencia Española da UE e a derrotar a Posición Común e cantas alternativas contrarrevolucionarias poidan exporse. Esiximos o cesamento inmediato das provocacións do Goberno española e do PSOE ao Goberno revolucionario
e ao pobo de Cuba. Basta de inxerencias imperialistas.
- Co pobo palestino contra o sionismo. Por un estado palestino con capital en Xerusalén Este, combater pola anulación dos acordos preferentes UE -Israel. Ningún arma europea, ningún beneficio para o sionismo criminal.
- Co pobo saharauí pola autodeterminación. Non aos acordos coa Monarquía de Marrocos. Non ao espolio dos recursos naturais e dos bancos pesqueiros da República Árabe Saharauí Democrática, anulación dos acordos pesqueiros asinados. Basta de represión criminal nos territorios ocupados. Ningunha arma europea á ditadura marroquí. Referendo de autodeterminación xa.
O Partido Comunista dos Pobos de España chama ao movemento
obreiro e popular a defender as anteriores posturas en defensa dos
dereitos das maiorías, mobilizándose ante os principais cumios e eventos que prepara a Presidencia Española.
Comité Executivo do PCPE. Xaneiro de 2.010.