quinta-feira, 7 de maio de 2009

Comunicado Conxunto PPCC

Comunicado Conxunto Sobre as Eleccións ao Parlamento Europeo

Traballadores, autónomos, artesáns,

pequenos agricultores, mulleres, mozos e mozas.

Dirixímonos a vós ante as eleccións europeas de 2009. Dirixímonos aos traballadores e pequenos agricultores, sindicalistas, militantes do movemento pacifista, do movemento feminista, do movemento xuvenil, militantes polos dereitos democráticos, polas liberdades populares, da solidariedade interncional, militantes dos movementos contra os tratados da UE e a OTAN. Compartimos a visión dunha sociedade sen explotación do home polo home, sen pobreza, inxustiza social e guerras imperialistas. Confluímos nesta campaña a favor dunha Europa de prosperidade para a xente, de paz, de dereitos sociais e democráticos, unha Europa que non ten nada que ver coa UE do capital e a guerra.

Coñecedesnos, podedes confiar en nós. compartimos loitas: folgas e mobilizacións contra a estratexia de Lisboa, polo emprego con dereitos, contra a privatización dos servizos públicos, pola educación e a sanidade públicas e gratuítas, contra as guerras imperialistas e a ocupación de Palestina, Iraq, Afganistán e Iugoslavia. estivemos xuntos nas loitas en defensa das liberdades democráticas e os dereitos dos inmigrantes. Estivemos ombreiro con ombreiro nas manifestacións da mocidade e os estudantes e as mobilizacións dos agricultores. Loitamos pola vitoria do NON nos referendos que se celebraron en Irlanda, Holanda e Francia.

Dixémosvos a verdade sobre a crise económica. As súas raíces atópanse na acumulación de riqueza en mans duns poucos por medio da flagrante explotación dos moitos que son condenados á pobreza, á incerteza e á inseguridade. A solución real para o pobo ha de buscarse na confrontación coa súa causa: a procura de beneficios, o propio capitalismo e non algún tipo de xestión do mesmo. Non aceptedes pagar a crise, non sodes responsables da mesma. Loitade por todo o que vos pertence, a satisfacción das vosas necesidades actuais segundo o voso criterio de progreso social, non polo regreso ao pasado. Non esperedes solucións da UE xa que é parte do problema e expón solucións que serven só á oligarquía.

A UE é unha opción do capital. Promove medidas a favor dos monopolios, da concentración e centralización do capital. Co “Tratado de Lisboa”, as súas características de bloque económico, político e militar imperialista fortalecéronse en contra dos intereses dos traballadores e os pobos. Estase reforzando o armamentismo, o autoritarismo e a represión estatal.

En nome da “modernización”, da “competitividade” e a “empresa”, da “flexiseguridade”, intensifícanse os ataques aos dereitos laborais e sindicais. O dereito á folga está sendo socavado, así como outras liberdades sindicais. A semana laboral e os salarios redúcense co pretexto da crise para salvagardar a rendibilidade do capital. A perspectiva de futuro para os traballadores é o traballo sen dereitos ata a morte. Estase configurando un escenario de pesadelo para os dereitos laborais, co incremento da xornada laboral diaria e as 65 horas semanais, xunto co aumento do subempleo, do paro e da inseguridade. Cos ataques contra os salarios, as pensións, co atraso da idade de xubilación, coa separación do tempo de traballo en activo e non activo, con subidas de prezos, coa multiplicación dos accidentes laborais. Coa rendición dos sistemas de educación, saúde e servizos sociais ao gran capital, coa desaparición dos pequenos e medianos agricultores en beneficio dos grandes agricultores e os monopolios. Co incremento da represión estatal, do anticomunismo, o racismo e a xenofobia. As primeiras vítimas da intensificación da explotación e a maior represión son a mocidade, as mulleres e os traballadores inmigrantes.

A Unión Europea é un alicerce da nova orde imperialista, da globalización capitalista. Apoia a masacre de palestinos por Israel. Participa activamente nos plans de agresión contra os pobos, especialmente contra os pobos do Mediterráneo, de África, de Oriente Medio e de América Latina. Participa na carreira armantística, no establecemento do “escudo antimísiles” e no regreso ao dogma do ataque nuclear preventivo. Alíñase cos EEUU e a OTAN. O militarismo é intrínseco á súa estrutura.

Estes acontecementos dan a razón a aquelas forzas que resisitiron ao Tratado de Maastricht, ao de Amsterdam e ao de Niza. As forzas que dixeron NON aos tratados de Schengen e Proum. Onte non estabamos sos, hoxe somos aínda máis numerosos. Tres pobos rexeitaron a “constitución europea”, o Tratado de Lisboa, e houbo miles de loitas obreiras e xuvenís por toda Europa contra as políticas da UE. Os nosos partidos fixeron unha importante contribución a esta loita. Non nos sometemos ao pensamento único. Contribuímos a manter vivas a esperanza e a perspectiva.

Hoxe os resultados das políticas que promoveu a UE desde a súa fundación son obvias. Non hai solucións a favor dos pobos sen o rexeitamento de Maastricht e das “catro liberdades” que establece para o capital (“a liberdade de movemento” de capital, mercancías, servizos e forza de traballo). Os traballadores adquiriron experiencia. Nas eleccións europeas non confiedes nas forzas que aprobaron e levaron a cabo políticas antipopulares e conservadoras.

Os dereitos dos traballadores non teñen nada que ver con que se complete un mercado interno unificado, coa aceleración da estratexia de Lisboa, coa directiva Bolkenstein, coa flexiseguridad nin coa PAC. As tradicións democráticas e de activismo, as liberdades populares, están en completa contradición co fortalecemento do Espazo de Liberdade, Seguridade e Xustiza, co fortalecemento do mecanismo represivo do cal “a ameaza terrorista” é pretexto, coas persecucións e encarceramentos de comunistas e outros activistas, coa rehabilitación do nazi-fascismo e a inaceptable situación que afecta aos cidadáns de segunda en Lituania, Estonia e Eslovenia.

Existe unha alternativa para os pobos. A través das loitas dos pobos promóvese a posibilidade doutra Europa, dunha Europa de prosperidade para o pobo, de progreso social, de dereitos democráticos, de paz e socialismo. As ruelas sen saída, as contradicións, que no contexto da crise agudízanse, as dificultades ás que se enfronta a UE, son elementos que os pobos deben aproveitar. O fortalecemento da actual oposición popular ás políticas antipopulares e inhumanas da UE beneficia aos traballadores.

Así, a loita diaria vólvese máis efectiva para a defensa e ampliación dos dereitos sociais e democráticos. A posibilidade dunha verdadeira solución alternativa estará máis próxima.

Loitade connosco por:

§Traballo fixo decente con plenos dereitos laborais. Por aumentos reais dos salarios e as pensións.
# Os pobos deben ser os donos dos recursos de riqueza e dos sectores estratéxicos das economías dos seus respectivos países.
# Sistemas públicos e gratuítos de saúde e seguridade social. Pola rebaixa da idade de xubilación e incrementos reais nas pensións. Por unha educación mellor, unificada e pública para todos.
# Plenos dereitos para os traballadores inmigrantes.

§Apoio ao pequeno e mediano agricultor e seguridade alimentaria. Pola protección real do medio ambiente, que se sacrifica en beneficio do gran capital.
# Dereito de todo pobo a elixir a súa propia vía de desenvolvemento. Este dereito inclúe o dereito de desvinculación das múltiples ataduras coa UE e a OTAN, así como a opción socialista.
# Paz, retirada de todas as bases de EEUU-OTAN e desmantelamento da OTAN. Contra o “Partenariado pola Paz” e o Euroexército. Ningunha participación en guerras e intervencións imperialistas.
# Solidariedade con todos os pobos que loitan. Por un estado palestino independente con capital en Xerusalén Este. Por unha solución xusta ao problema de Chipre. Pola defensa de Cuba Socialista e a abolición da posición común da UE cara á mesma.

Votade polas listas ás que apoiamos en cada país.

Debilitemos ás forzas que apoian e defenden a UE - Fortalecédevos

NON á UE dos monopolios e o militarismo.

Por unha Europa de prosperidade para o pobo, de paz, xustiza social e dereitos democráticos, de socialismo.



Os Partidos:

Partido dos Traballadores de Bélxica,

Partido Comunista da Gran Bretaña,

Partido Comunista de Bulgaria,

Partido dos Comunistas de Bulgaria,

Partido Comunista en Dinamarca,

Partido Comunista de Estonia,

Partido Comunista de Grecia,

Partido Comunista Obreiro Húngaro,


Partido Comunista de Irlanda,

Partido dos Traballadores de Irlanda,

Partido Socialista de Letonia,

Partido Socialista de Lituania,

Partido Comunista de Luxemburgo,

Partido Comunista de Malta,

Novo Partido Comunista dos Países Baixos,

Partido Comunista de Polonia,

Partido Comunista Portugués,

Partido Comunista Romanés,

Partido Comunista de Eslovaquia,

Partido Comunista dos Pobos de España,

Partido Comunista de Suecia.