O Partido Comunista de Irlanda e o Partido Comunista Británico mantiveron unha reunión bilateral en Belfast o 18 de abril de 2009. No primeiro punto da orde do día situouse o estreitamento da cooperación en relación co fortalecemento do proceso de paz e a nosa resposta á crecente e profunda crise do capitalismo monopolista a escala mundial.
En relación ao proceso de paz, ambos os partidos reafirmaron o seu apoio aos Acordos de Belfast e St Andrews como a única base sobre a que o progreso pode avanzar e ser garantido. Ambos os partidos ven a plena aplicación do Acordo de Belfast como a única base dispoñible no presente para avanzar na lexítima e democrática demanda dunha Irlanda unida.
Ambos os partidos analizan que a volta a métodos militares de loita só é e pode ser unha entrada a unha ruela sen saída, coas inevitables consecuencias de morte, sufrimento e maior división, obstaculizando as loitas políticas necesarias para garantir e facer avanzar as aspiracións sociais, económicas e nacionais do pobo irlandés. Os dous partidos esixen que sexan comisadas as armas a todos os paramilitares unionistas. Ambos os partidos comparten a convicción de que é necesario continuar a desmilitarización e retirada do norte de Irlanda de todo o persoal militar británico, mesmo das axencias de intelixencia británicas.
A pesar das súas debilidades e deficiencias, o Acordo de Belfast é o mellor marco e oportunidade para o desenvolvemento e construción da reconciliación intercomunitaria. Os dous partidos recoñecen o importante papel do movemento sindical neste proceso. Ambos os partidos piden a máxima cooperación económica, social e política entre as dúas partes de Irlanda, e a aplicación plena do Acordo de Belfast.
Sobre a profundización da crise do capitalismo monopolista, os dous partidos comparten unha análise común da natureza da crise. Acordouse que, ademais do intercambio de experiencias de éxitos e dificultades nas condicións actuais, é esencial mobilizar ás forzas traballadoras en defensa dos seus salarios e condicións de vida, e tamén das demandas políticas da súa clase.
Os dous partidos teñen unha comprensión común da natureza imperialista da Unión Europea e piden o apoio nas próximas eleccións europeas para os candidatos que se opón a manter a integración na UE co seu programa neoliberal e militarista, e que defenden os principios de rendición de contas democrática e soberanía popular. En Gran Bretaña isto significa apoiar á plataforma "NON2EU - Si á Democracia".
En canto ao Tratado de Lisboa, os dous partidos condenan a decisión do goberno irlandés de derrogar a decisión democrática do pobo irlandés que en xuño de 2008 rexeitou o tratado nunha votación democrática. Chaman ao pobo traballador e outras forzas democráticas a rexeitar contundentemente unha vez máis este tratado e a rexeitar as presións da Comisión Europea e outras institucións da UE dirixidas a romper a súa oposición á cada vez máis profunda integración promovida desde eses organismos.
Os dous partidos comparten importantes reservas cara á posición dalgúns partidos comunistas en relación ao Partido da Esquerda Europea, que vai na dirección dun consenso político na aceptación da Unión Europea coa súa axenda monopolista e imperialista. Ambos os partidos teñen a sensación de que non é ese o mellor camiño para as clases traballadoras dos estados membros.
Ambos os partidos expresan a súa firmeza na solidariedade coa Revolución Cubana e chaman a intensificar as accións de apoio a Cuba, tanto materiais como políticas, de apoio a Cuba no seu esforzo de reconstrución tras os furacáns, e para apoiar a campaña pola ruptura do bloqueo por EEUU. Ambos recoñecen que o pobo cubano e a súa revolución están na primeira liña da loita contra o imperialismo e reafirman a súa esixencia dunha liberación inmediata e incondicional dos Cinco de Miami das prisións estadounidenses.
Así como a súa solidariedade con Cuba, os dous partidos expresan a súa solidariedade e apoio ás radicais transformacións nacional-democráticas cun subxacente impulso antiimperialista que están en marcha en varios países de América Latina.
Ambos os partidos condenan a imposición polo estado de Israel dunha forma de apartheid ao pobo de Palestina. Chaman a pór fin á aquiescencia ante esta política criminal por parte dos gobernos irlandés e británico e por parte da Unión Europea, e apoian plenamente a campaña polo boicot dos produtos israelís, a retirada dos investimentos en Israel e a pór fin a todos os vínculos institucionais irlandeses e británicos co aparello represivo do estado de Israel.
Reafirmamos o noso apoio total aos plenos dereitos reprodutivos das mulleres de Irlanda e Gran Bretaña, incluíndo o dereito de contracepción e aborto.
O Partido Comunista de Irlanda e o Partido Comunista Británico chaman a fortalecer a solidariedade e a cooperación entre todos os partidos comunistas e obreiros nesta etapa para dirixir a loita antiimperialista. Fin da declaración.
Eugene Mc Cartan
Partido Comunista de Irlanda
Robert Griffith
Partido Comunista Británico