sábado, 2 de maio de 2009

Resolución do Comité Central do Partido Comunista Obreiro Húngaro

O Comité Central do Partido Comunista Obreiro Húngaro decidiu, na súa sesión do 25 de abril, abandonar o Partido da Esquerda Europea desde o 1º de maio de 2009, de acordo cos estatutos do PEE (artigo 6).


O Partido Comunista Obreiro Húngaro é un dos fundadores da Esquerda Europea. O noso partido xa tiña desde o principio algunhas reservas relativas á liña xeral do PEE.


Non estamos de acordo coa análise sobre o pasado dos países socialistas europeos, incluíndo Hungría, que fai o PEE. Estamos convencidos de que os países socialistas lograron grandes resultados durante as décadas de socialismo nas esferas política, económica e social. Este período é un dos máis exitosos da historia nacional dos antigos países socialistas. Non negamos que haxa erros, fallos, pero nunca permitiremos que se caracterice eses anos como puro "Stalinismo" e sempre nos oporemos a todo intento de rexeitar esa época.


Non estamos de acordo coa filosofía xeral do PEE que excluía do mesmo a un número importante de partidos fortes e convertía ao PEE nun partido da Unión Europea.


Non estamos de acordo coa política práctica do PEE que se concentra case soamente nos problemas dos países europeos occidentais, nos asuntos da Unión Europea, e non atende aos verdadeiros problemas dos países de Europa central e oriental.


Opómonos á liña política do PEE de invitar a participar no PEE a partidos que non teñen nada que ver coas ideas comunistas e nalgúns casos son mesmo inimigos do comunismo.


Opómonos á práctica de que a liña política do PEE se decida basicamente por partidos que teñen representación no Parlamento Europeo.


Non estamos de acordo coa nova liña política da Esquerda Europea expresada nas resolucións do Segundo Congreso do PEE de novembro de 2007. O noso partido foi o único partido que non votou a favor dos documentos do congreso. Estamos convencidos de que non necesitamos unha "nova cultura política europea" senón unha moi consecuente loita contra o capitalismo, polos dereitos das masas obreiras. Non só hai que criticar ao capitalismo, senón organizar a loita obreira diaria.


Queremos acabar co capitalismo; a Esquerda Europea quere melloralo. Nós temos a nosa base no marxismo-leninismo, a teoría e a práctica da loita de clases, os principios do internacionalismo proletario. A Esquerda Europea, desgraciadamente, baséase no reformismo. A Esquerda Europea loita contra o capitalismo só verbalmente, pero na práctica axuda a fortalecer a imaxe "democrática" da Unión Europea, do Parlamento Europeo e do sistema capitalista en xeral.


intentamos influír e cambiar estes procesos, pero habemos de recoñecer que é imposible. A liña política da maioría dos partidos membros do PEE, e do propio PEE, van nunha dirección que viola os intereses básicos da clase obreira, do movemento comunista internacional.


consideramos a posición doutros partidos comunistas. Estamos de acordo en que a Esquerda Europea xoga un papel negativo no movemento de esquerda internacional. Queremos axudar a outros partidos coa nosa decisión de abandonar o PEE. Queremos deixar claro a todo o mundo o que é o PEE en realidade.


Pensamos que o revisionismo e o oportunismo son agora o maior perigo que ameaza ao movemento comunista. É malo que sexamos pobres, e é malo que non teñamos diñeiro, pero o perderemos todo se abandonamos a nosa clara convicción ideolóxica, se abandonamos o marxismo-leninismo.


Seguiremos participando nos encontros internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros, e faremos todo o que podamos por fortalecer o polo comunista do movemento, en base aos principios do internacionalismo proletario. Fortaleceremos as nosas relacións bilaterais cos partidos comunistas. Continuaremos a nosa loita contra o capitalismo sobre a base do marxismo-leninismo.


A nosa decisión tamén se basea na realidade de Hungría. A situación en Hungría está mudando. O pobo xa viviu 20 anos de capitalismo e acumulou moitas experiencias concretas. Tras 20 anos a maioría deles entenden o que significan o capitalismo, a explotación, o paro e a inxustiza social. Por outra banda, aprecian que é o Partido Comunista Obreiro Húngaro quen sempre estivo ao seu carón e loitado polos seus intereses. Ese é o noso capital moral e político, que podemos utilizar en próximas batallas. O goberno húngaro intenta resolver a crise actual á conta das masas traballadoras. Os salarios e as pensións conxeláronse, o gasto público será reducido. Esta política, no canto de mellorar a situación das masas traballadoras, creará novas dificultades. O pobo está esperando de nós, dos comunistas, posicións claras e loita consecuente. Iso é o que faremos.


Budapest, 25 de abril de 2009


Comité Central do Partido Comunista Obreiro Húngaro