sexta-feira, 19 de setembro de 2008

Os comunistas de EE.UU. instan á solidariedade co pobo do Caribe

Os comunistas de EE.UU. instan á solidariedade co pobo do Caribe





10/09/08





A continuación un comunicado de prensa emitido polo Partido Comunista de EE.UU. sobre os recentes furacáns devastadores. Pódese contactar con portavoces. O contacto é Jarvis Tyner, (646) 437-5310. Para máis información acudir a www.cpusa.org



O Partido Comunista de EE.UU. observa con alarma a gran perda de vidas e o grande dano material e económico inflixido por tres poderosos furacáns seguidos ? Gustav, Hanna e agora Ike ? en todas as nacións do Caribe: Haití, a República Dominicana, Xamaica e Cuba.



Tales tormentas non son meros "actos de Deus." Durante anos, os científicos estiveron avisando de que o arrequecemento global levaría a aumentos na incidencia deste tipo de desastres. Os furacáns aliméntanse pola enerxía calorífica do mar, e ao quentarse o mar, podemos esperar tormentas deste tipo máis frecuentes e máis intensas. Para poder evitar que suceda isto, farán falta accións drásticas por parte dos gobernos, especialmente o daquelas nacións como os Estados Unidos cuxo consumo de enerxía contribúe principalmente ao arrequecemento global. Pero a administración Bush, fiel aliada das compañías petroleiras, non presta atención a estes avisos.



O alto número de vítimas mortais en Haití (varios centos de persoas ata o momento) tamén ten que ver con outros factores previsibles. A extrema pobreza de Haití levou á tala de árbores en outeiros e montañas para a súa utilización como combustible, o que supuxo a retirada das barreiras naturais que adoitaban absorber a choiva e protexer á xente das tormentas. As vivendas de millóns de persoas en Haití e os seus países veciños son inadecuadas para protexerse contra as tormentas. Non hai diñeiro para melloras de infraestruturas que mitigarían o impacto dos furacáns. A pobreza de Haití e os seus veciños está directamente relacionada coa orde económica mundial no que os habitantes dos países máis pobres teñen que sufrir para que as corporacións multinacionais poidan gozar de maiores beneficios. O PCUSA denuncia ao actual goberno estadounidense por actuar como "garante" deste brutal estado de cousas.



Tampouco a xente do noso propio país é inmune a estes desastres, que demostran que as vidas da nosa xente na Costa do Golfo e os Estados do Sueste están intimamente ligadas ás dos nosos veciños caribeños. O exemplo do furacán Katrina, fai tres anos, que case se repetiu co furacán Gustav da semana pasada, demostra que este tipo de cousas non só lles ocorren a "outras persoas". Fai falta solidariedade entre o noso propio país e os países veciños como Haití, Xamaica, Cuba e a República Dominicana para evitar máis perdas enormes de vidas no futuro.



O Partido Comunista de EE.UU. saúda ao goberno de Cuba, cuxo compromiso coas políticas de solidariedade humana produciu impresionantes mecanismos de protección do seu pobo dos desastres naturais. Impresiónanos, como sempre, a forma en que as autoridades cubanas, o Partido Comunista de Cuba e as organizacións da sociedade civil cubana traballaron xuntas para sacar á xente e ao gando da zona de danos, logrando así unha mínima perda de vidas en Cuba. A pesar de que sabemos que miles de fogares foron destruídos, sabemos que ninguén será deixado sen fogar ou forzado a valerse en por si nesta situación de crise. Os informes que veñen de Cuba indican que haberá un considerable dano económico, pero tamén sabemos que a reconstrución realizarase co obxectivo do benestar de todo o pobo cubano. Tamén sabemos que, sexa cal for o dano sufrido por Cuba, os cubanos estarán á cabeza dos países que ofrecerán axuda desinteresada a quen foron máis gravemente afectados.



Tampouco esquecemos que cando o furacán Katrina case destrúe unha gran rexión urbana de EE.UU, Cuba ofreceu rapidamente axuda desinteresada, o cal foi rexeitado con mala educación pola mesma administración Bush que tan cruelmente fracasou en axudar aos seus propios cidadáns vítimas do Katrina, moitos dos cales aínda non teñen, tres anos despois, fogares aos que volver.



Tamén estamos de acordo cos millóns de norteamericanos e numerosas organizacións en que as restricións do Presidente Bush ás remesas familiares e ás viaxes de cubano-americanos á illa deben suspenderse para axudar a superar este desastre. Gustaríanos engadir que as restricións de Bush deben ser suprimidas completa e permanentemente e que o novo Congreso e o novo presidente deben abolir o vergoñoso bloqueo económico a Cuba que dura xa 49 anos e medio.



Finalmente, facemos un chamamento ao pobo norteamericano para que responda ao desastre natural con xenerosidade, pero tamén esixindo cambios na política estadounidense cara á rexión.





Por parte do Comité Nacional, PCUSA

Emile Schepers, Secretary, International Department

235 W. 23RD ST, NEW YORK, NY 10011 USA

e-mail International@cpusa.org