PC PAQUISTÁN, AOS PARTIDOS IRMÁNS DA REXIÓN
traducido polo pcpe
Estimados camaradas,
Paquistán, a día de hoxe, atópase empantanado politicamente. Hai moita actividade militar na fronteira occidental con Afganistán. A actual difícil situación é resultado dun continuo servilismo do poder civil e militar paquistaní aos EEUU.
O Partido Comunista de Paquistán loitou duramente, xunto con outras forzas democráticas, por sacar ao exército da política e a economía do país. Os militares están ben asentados no seu poderío económico, con todo sufriron un revés nas últimas eleccións xerais de febreiro de 2008. A masiva presión pública evitou en gran medida que o poder militar manipulase os resultados electorais. Símbolo da ditadura, o xeneral Musharraf foi obrigado a abandonar a presidencia. Un goberno civil electo ten agora o poder. ás forzas de esquerda e democráticas interésalles que este proceso de transformación cara ao goberno civil se mantéña, a pesar de todas as deficiencias dos partidos políticos que gobernan en coalición. Con todo, as conspiracións a nivel local e internacional comezaron a desestabilizar a operación civil.
As forzas norteamericanas e os seus aliados da OTAN, acantonados en Afganistán, estiveron violando a soberanía paquistaní ao atacar con mísiles supostos agochos dos fundamentalistas. Durante o goberno do xeneral Musharraf, tales ataques realizábaos o exército paquistaní, que así contentaba aos EEUU. O incremento dos recentes ataques aéreos e terrestres dos EEUU e as súas ameazas de atacar mesmo Karachi e Islamabad están a pór ao goberno electo nunha incómoda posición. O exército paquistaní podería estar a pensar en aproveitarse desta situación; a recente declaración do Xefe do Estado Maior de Paquistán apunta nesta dirección. Con esa declaración tentou gañar a simpatía do pobo ao parecer un aviso aos EEUU.
A condena destas violacións da soberanía paquistaní polos EEUU suporá un apoio moral ás forzas antiimperialistas. Por iso, pedímosvos que condenedes esta agresión norteamericana a todos os niveis e en todas as plataformas posibles.
Secretariado Central
Partido Comunista de Paquistán