Partido Comunista de Cuba
Comité Central
A Habana
Atenas, 30 de decembro de 2008
Estimados camaradas:
O Comité Central do Partido Comunista de Grecia envíalles un caloroso saúdo camaraderil para o 50 aniversario do triunfo da Revolución.
Desde a chegada do Granma ata o triunfo e a continuación a derrota da invasión armada do imperialismo na Praia Girón, a construción socialista, a resistencia ao bloqueo criminal, a resistencia ás dificultades incribles do "período especial", o traxecto destes 50 anos da Revolución Cubana está cheo de páxinas heroicas, de paciencia e resistencia revolucionarias, escritas pola clase obreira e o pobo cubano baixo a dirección do PCC.
A Revolución Cubana deu unha gran axuda internacionalista a movementos nacional-liberadores e pobos en loita, e os revolucionarios internacionalistas entregaron ata a súa propia vida pola liberdade dos pobos. Ata hoxe en día, grazas á contribución de Cuba, millóns de persoas en América Latina saíron do analfabetismo, reconquistaron a súa visión, a súa saúde, a súa propia vida.
Sobre todo nos momentos difíciles para os pobos despois do desmantelamento da Unión Soviética e do derrocamento do socialismo en Europa, a existencia de Cuba Socialista e a exitosa resistencia ás provocacións e agresións imperialistas foron unha gran achega á resistencia e loita dos pobos contra o imperialismo. Defendendo a bandeira do socialismo, Cuba contribuíu para que se manteña viva a esperanza: Si, o imperialismo é forte, pero non é invencible. Si, hai unha alternativa á barbarie capitalista, e esa é o socialismo.
Estimados camaradas:
Os comunistas gregos e amplos sectores do pobo grego observan con moito interese os esforzos que fan para mellorar o nivel de vida do pobo cubano, para enfrontar os seus problemas en condicións do bloqueo férreo imposto polos Estados Unidos, da crise económica mundial e os inmensos danos naturais que causaron os furacáns.
O noso pensamento está sobre todo preto dos 5 heroes que van pasar un novo ano máis inxustamente encarcerados nos Estados Unidos, lonxe da súa patria, a súa familia e os seus fillos. Comprometémonos mobilizarnos aínda máis forte pola súa liberación, polo levantamento do bloqueo, polo rexeitamento de cada esforzo aberto ou cuberto de intervención ou de socavar Cuba Socialista por parte do imperialismo dos Estados Unidos ou da Unión Europea.
Cuba non está soa. Nunca estivo soa. A entrega aos principios e valores comunistas, independentemente das dificultades e os rodeos que impón, a defensa firme da soberanía nacional e do socialismo, inspiran a millóns de traballadores en todo o mundo. As figuras dos dirixentes da Revolución, de Fidel, do Che, de Cienfuegos, de Frank País, de Raúl e de tantos heroes da Revolución, inspiran a amplos sectores da mocidade. Por máis que se precipitou cantar vitorias o imperialismo, o fin da historia non chegou, os pobos non se quedaron cos brazos cruzados.
Calquera sexan as viraxes da loita de clases e do movemento revolucionario, calquera sexan as dificultades, as derrotas e os retrocesos, nada pode parar o camiño histórico cara a unha nova sociedade, libre da explotación e represión clasistas, o socialismo-comunismo.
¡Ata a vitoria sempre!
O Comité Central do KKE