quarta-feira, 7 de janeiro de 2009

A economía norteamericana destruíu 693.000 empregos en decembro

AXENCIAS
WÁSHINGTON
O sector privado en Estados Unidos empregou en decembro 693.000 persoas menos que en novembro, e a maior parte do descenso correspondeu ao ramo dos servizos, segundo datos da empresa Automatic Data Proccesing (ADP) difundidos hoxe.

Esa firma de análise difundiu os seus datos mensuais dous días antes de que o Departamento de Traballo de EEUU divulgue os seus sobre emprego e desemprego correspondentes a ese mes, que se prevé mostrarán unha maior deterioración do mercado laboral neste país.

O sector dos servizos empregou o mes pasado 473.000 persoas menos que en novembro e o de produción de bens ocupou a 220.000 traballadores menos no mesmo período, o que representa case dous anos consecutivos de descensos neste último sector.

O sector de manufactura perdeu 120.000 empregos e a ocupación descendeu en 27 dos 28 últimos meses, explicou a firma nun comunicado de prensa.

As empresas cun persoal de máis de 500 traballadores empregaron a 91.000 persoas menos en decembro que en novembro, mentres que as de tamaño medio, de entre 50 e 499 traballadores, recortaron 321.000 ocupacións e os pequenos negocios empregaron a 281.000 persoas menos en decembro que no mes anterior.

A firma sinalou que a caída do emprego en empresas medianas e pequenas "indica con claridade que a recesión estendeuse máis aló das actividades relacionadas con manufactura e o mercado inmobiliario".