quinta-feira, 30 de outubro de 2008

A criatura natural do capitalismo


A criatura natural do capitalismo
TRADUCIDO POLO PCPE


As crises no capitalismo non se presentan fortuitamente; máis ou menos regularmente repetíronse desde 1825. Iso significa que a economía capitalista non se desenvolve de forma igual e continua. A contradición fundamental do capitalismo, isto é, a contradición entre o carácter social da produción e o carácter privado da apropiación do produto, é o principal fundamento e a razón última da crises económicas no capitalismo. Aínda que esa contradición non conduce directamente á crise, está presente dentro de novas contradicións, que en si mesmas desembocan en crises. A contracción do consumo, devengada como consecuencia da contradición fundamental do capitalismo, representa un momento substancial da crise. Por canto a limitación nun determinado sector inflúe na produción nos outros sectores. Noutras palabras: a contradiccción fundamental do capitalismo exprésase tamén no aumento da desproporción entre os sectores individuais da produción. A profundización do proceso de globalización imperialista conduce a unha rápida propagación epidémica da crise en escala mundial.



Os mecanismos do libre mercado orixinan un desenvolvemento desigual desde os puntos de vista social e xeográfico. Os investimentos concéntranse nalgunhas áreas, e a riqueza en mans dun reducido grupo de individuos. Só a intervención estatal pode asegurar a supresión de tales diferenzas sociais e xeográficas. Pero a política neoliberal liquidou tales intervencións, e afirma que a man máxica do mercado resolverao todo. As empresas estatais, que garantían algúns ingresos para os orzamentos do estado, foron privatizadas. A ausencia dese fluxo de ingresos foi substituída polo aumento dos impostos indirectos, que son os máis gravosos para os sectores sociais con ingresos limitados. Con todo é necesario salientar que as intervencións do estado dentro do capitalismo non resolven a contradición fundamental do sistema capitalista, aínda que reducen en certa medida o impacto negativo do mercado. A contradición fundamental do capitalismo non pode ser resolta no marco capitalista. Esas contradicións só poderían ser resoltas no marco do socialismo.



A actual crise global é reflexo do colapso da ideoloxía neoliberal e capitalista, que foi adoptada e asumida non só polos partidos da dereita europea, senón tamén polos socialdemócratas. A crise demostra que o mercado non ofrece unha solución para todo e que non pode autorregularse. Hoxe estamos vendo como os EEUU e a UE xogan á nacionalización e as intervencións para arranxar o que eles mesmos causaron.



O colapso do Campo Socialista europeo, que levou á creación dun novo equilibrio de forzas e dun terreo para novas tendencias económicas, conduciu, de feito, á imposición da concepción dos EEUU en materia de política económica, e non só a través do FMI, o Banco Mundial e a OMC. Noutras palabras, a crise está vinculada á hexemonía de EEUU, que fan valer na política mundial neoliberal. Esa política neoliberal plasmouse no tratado da Constitución europea e actualmente no Tratado de Lisboa. O Banco Central Europeo, no canto de perseguir un obxectivo económico e de desenvolvemento, persegue un obxectivo monetario.



Hoxe é o momento de presentarnos como a auténtica esquerda cunha alternativa socialista. A máxima prioridade do socialismo reside na súa capacidade de mobilizar os recursos financeiros da sociedade, e investir e distribuír eses recursos en favor desa sociedade. Esa capacidade, baseada no carácter social dominante da propiedade sobre os medios de produción, garante unha economía proporcionada e equilibrada, e o desenvolvemento social. .



Hoxe a auténtica esquerda, os sindicatos, os non privilexiados, temos a oportunidade de declarar publicamente que os bancos e outras empresas estratéxicas, non deben servir a intereses privados. A especulación e negocios ficticios semellantes representan un dos factores que pon en perigo un desenvolvemento económico estable. Agora temos a oportunidade de presentar unha alternativa política de esquerdas, que debe oporse á mercantilización de todo. América Latina está alcanzando grandes éxitos na loita contra o neoliberalismo e a hexemonía de EEUU.





Hassan Charfo

Responsable do Departamento de Relacións Internacionais do CC

Partido Comunista de Bohemia e Moravia