quinta-feira, 30 de outubro de 2008

Declaración da Secretaria Xeral do CC do KKE, Aleka Papariga, no Festival do KKE e a KNE

Declaración da Secretaria Xeral do CC do KKE, Aleka Papariga, no Festival do KKE e a KNE



21 de setembro de 2008





Gustaríame darlles a benvida ao Festival, que este ano foi organizado conxuntamente polo KKE e a KNE en homenaxe ao dobre aniversario: o 90º do Partido e o 40º da KNE.



Damos a benvida ás delegacións de 61 partidos comunistas e obreiros e organizacións xuvenís comunistas que están acompañándonos na celebración, rendendo tributo ao internacionalismo proletario e á solidariedade internacionalista. Estamos fortalecendo a nosa solidariedade cos partidos comunistas e os pobos que loitan contra o imperialismo e polo socialismo. Expresamos a necesidade dunha acción e colaboración máis coordinada, e dun Movemento Comunista Internacional que trace unha estratexia común.



Saudamos a todos os traballadores, artistas e voluntarios que, con entusiasmo, orixinalidade e paixón ergueron este Festival e lle déron unha cor especial neste grandioso dobre aniversario.



Ao longo da súa historia, mesmo nas peores condicións, o KKE nunca tivo medo de propor análises que quen están no poder perseguiron e castigaron, mesmo coa pena de morte, pero que a sociedade aínda non estaba preparada para aceptar.



Facía falta valentía política para denunciar a Expedición a Asia Menor nun momento no que a "Grande Idea" anexionista gobernaba e dividía aos pobos vencidos.



A iniciativa do KKE foi de grande importancia cando, malia os fortes ataques da ditadura Crown-Metaxas, dirixiu a Resistencia, enfrontándose ao mesmo tempo aos ataques de clase e as provocacións dos colaboradores e aliados británicos.



Aos nenos non se lles ensina que, desde o primeiro momento da ocupación italo-xermana, o mundo político burgués mantivo unha actitude distinta da do KKE. Unha parte dese mundo colaborou abertamente cos invasores, outra parte foise a Exipto e preparouse para impedir a completa toma do poder polas forzas da Resistencia. Lograron aproveitarse da falta dunha estratexia global por parte do movemento e especialmente do Partido. Pero ese momento, cando non puidemos cumprir coas responsabilidades como deberiamos facer, non tiña nada que ver coa traizón ou o propio interese. Se o noso erro foi non recoñecer a correlación de forzas existente e depositar ilusións na posición dos aliados e o mundo político burgués, a súa elección non foi produto da inexperiencia ou do erro. No Cairo, Alexandría e Londres, todos eles eran consecuentes coa súa clase, querían arrincar a árbore da resistencia, arrincala ata a súa última raíz.



Iso logrouse a sangue e lume a expensas daqueles quen tomaron a vía da resistencia mentres os outros estaban divertíndose no estranxeiro.



Por iso este ano, ao celebrar o noso 90 aniversario, rendemos unha especial homenaxe ao novo movemento partisano que naceu tras a liberación e, ata 1949, loitou a batalla do Exército Democrático, que foi o reflexo da loita de clases en Grecia no século XX, unha batalla antiimperialista e internacionalista. Por unha banda a loita armada de masas mantívose firme, pero doutra banda os gobernos e a maquinaria dos partidos chamados de dereita e liberais, que tiñan da súa parte a forza das armas do imperialismo estadounidense e británico, fixeron aumentar a violencia.



Tomemos en conta a grande importancia da audaz e correcta posición do Partido en 1974, sinalando que a transición dunha ditadura a unha república parlamentaria burguesa producíase tras varios "toma e daca".



Recordemos o aviso que fixo o Partido sobre a natureza imperialista da guerra nos Balcáns nos inicios dos 90, cando o resto de forzas políticas dicían con autocompracencia que a humanidade se metera na autoestrada da democratización, a prosperidade e a paz.



Sentímonos orgullosos porque no período máis difícil para o sistema socialista e o movemento comunista, cando as "ratas" ? cadros e dirixentes ? "abandonaban o barco", falabamos da vitoria da contrarrevolución. Defendemos o papel e a contribución do socialismo no século XX, a súa necesidade histórica e o feito de que a nosa época segue sendo unha época de transición do capitalismo ao socialismo.



En 1991 estivemos máis que á altura das circunstancias cando evitamos a dispersión voluntaria, é dicir, a autodisolución do Partido na entón Coalición da Esquerda. É importante o feito de manter a continuidade histórica do KKE e que non pase nin un só día no que non tomemos parte nas loitas diarias.



Aínda que feridos, estabamos listos para loitar, para explicar e para tomar iniciativas de loita, posto que o tratado de Maastricht, aprobado por todo o mundo excepto o KKE, preparaba o camiño para que entrasen nas nosas vidas as primeiras medidas bárbaras de reestruturación capitalista.



No momento adecuado, ao contraxeito, proclamamos que o pobo non só non debería temer a un goberno inestable e impopular, ou a un sistema político inestable e impopular, senón que de feito debería tratar de debilitalo e desestabilizalo máis aínda, sempre, por suposto, por medio de golpes decisivos do movemento obreiro e popular e coa vista posta no contraataque final.





Por outra banda non foi tamén importante que o KKE avisase aberta e claramente ao pobo de que non só había que condenar a alternancia entre a ND e o PASOK, senón ir máis aló e facerse fortes contra os escenarios de reforma do sistema político cun goberno de centro-dereita ou de centro-esquerda?



A conclusión pode extraerse de toda a nosa historia. Nunca, en ningunha ocasión, baixo ningunha circunstancia, pode haber xustificación para deixar de asegurar a acción independente do partido, a existencia de forzas organizadas en todos os lugares, alí onde sexa posible, a calquera custo en termos de sacrificio. Todo iso a condición de que actuemos cunha estratexia e unha táctica planificadas que non hipotequen os intereses da clase obreira con éxitos temporais ou cos erros e as dificultades da loita.



Ningún agrupamiento político, non importa o radical que poida ser, pode substituír o papel e a contribución do Partido Comunista organizado principalmente nos centros e sectores de traballo. Isto é certo tamén para a Mocidade Comunista de Grecia (KNE). A situación de 1958 non se repetirá, cando as Organizacións do Partido foron disoltas e dispersadas nun agrupamento de esquerdas máis amplo. A presenza independente no ideolóxico, o político e o organizativo do KKE garante a formación e duración da alianza política da Fronte sociopolítica Antiimperialista, Antimonopolista e Democrática que propomos. É máis, recoñecemos o dereito á independencia tamén aos nosos aliados.



Unha característica do KKE é que opera como unha especie de poderosa taladradora que profunda na terra para plantar as sementes de ideas máis novas, vangardistas e inusuais, para que se convertan nunha enorme árbore que acabará coa explotación de clase, promoverá a igualdade social e a igualdade entre os sexos e promoverá o internacionalismo obreiro e o papel da ciencia ao servizo do pobo.



Non somos só o Partido que centra a súa atención no pobo traballador; somos o Partido que ve nese pobo á forza dirixente da produción da riqueza e á forza dirixente na liberación da sociedade de todo tipo de explotación. Na maior parte da mocidade vemos á xeración da clase obreira do mañá, aos sectores populares que cargarán co peso dos grandes cambios radicais que transformarán o mundo. Esperamos que teñan máis éxito que nós.



O KKE outorga importancia e salienta nas loitas diarias, no que sexa que atormente e dea problemas á maioría do pobo. Ao mesmo tempo ten a característica particular de que tenta ? ás veces con éxito e ás veces sen el ? loitar polo que é historicamente oportuno e necesario, independentemente da correlación de forzas que haxa nun momento histórico concreto. A burguesía, os derrotistas e oportunistas de todo tipo só están interesados en cambiar aos peóns do taboleiro do goberno burgués.



Ao longo de toda a nosa historia sempre representamos o realismo da indisciplina e desobediencia militante fronte ás ordes de sometemento e conformismo, e o realismo da resistencia e o contraataque contra o chamado realismo da conformidade e a intimidación, do suborno e o favoritismo. Esta posición é completamente independente da impaciencia pequeno burguesa e o oportunismo doutras forzas.



O KKE non busca frases novas, non cambiará os seus termos científicos que representan un contido específico na realidade contemporánea. Non estamos nunha procura hipócrita de innovacións.



Tratamos de mostrar cal é a tarefa actual que corresponde á realidade obxectiva, ao progreso, e á necesidade de solucionar os problemas que nela se dan.



O realista é o que o pobo pode facer cando sabe como usar o seu poder, cando se arrisca a cambiar a correlación de forzas en lugar de arriscar a vida baixo a carga das correlacións de forza adversas.





QUE É O OPORTUNO E O REALISTA HOXE EN DÍA.



O KKE responde a esta pregunta co seu Programa, coas conclusións derivadas da construción do socialismo, que combinan a proxección da superioridade deste sistema coa avaliación crítica dos erros cometidos durante a súa construción. Isto doe ao adversario, que non ten nada novo que dicir máis aló do dito desde o primeiro momento da vitoria da Gran Revolución de Outubro. Independentemente do que diga, só quería dicir unha cousa, o mesmo que di hoxe: que non pode aceptar que se cuestione a propiedade capitalista. Isto é o que nos diferencia, confrontemos sobre iso e deixemos ao carón o tema de Stalin, Yalta e todo o demais sobre o que seguen falando.



Á pregunta de "como podemos saír do impasse" contestamos coa nosa proposta dunha alianza social e política que teña en conta a correlación de forzas e as diferenzas entre os aliados no tema do socialismo, coas nosas propostas para resolver os problemas que nos preocupan hoxe, coa loita para impor algunhas solucións hoxe, solucións mesmo parciais ou temporais. Pero non nos detemos aquí, porque hoxe máis que onte a loita diaria debe dirixirse a derrocar ao sistema, á vitoria do poder popular e da economía popular.

No tocante ás fendas do sistema polas que os dous partidos altérnanse no poder, contestamos co chamamento a convertelas nunha ruptura plena e total.

No tocante aos esforzos da clase burguesa por volver ao bipartidismo ou a un período intermedio de gobernos de coalición de centro-dereita ou centro-esquerda, respondemos "seguide así", "estades debilitando aos partidos burgueses", "non busquedes diferenzas entre ambos". A única diferenza importante entre eles é o seu egoísmo e a competencia interesada por ver quen tomará as rendas do goberno. Privémoslles do apoio da esquerda ou da dereita.

Non confiemos nas forzas do oportunismo que intentan halagar ao pobo e enganalo cos denominados gobernos de esquerda, pero sen intención algunha de golpear ao poder dos monopolios na economía.

O movemento obreiro debe ser reorganizado e rexenerado cunha orientación de clase. Hai que dar forza ao KKE, independentemente de se se está de acordo connosco en todo, e facer máis forte ao movemento popular. As mentes deben emanciparse da estratexia dos monopolios e liberarse de calquera tipo de medo e derrotismo cara á "vía de sentido único" de Europa e os compromisos cos EEUU e a OTAN.

O adversario non é todopoderoso. Hoxe non ten as mesmas armas que tiña no pasado para xestionar a crise. As discusións que se suceden sobre a xestión nacional, rexional ou global dos movementos de capital nos mercados financeiros non foron efectivas, xa que existe unha grande centralización e concentración baixo as condicións do mercado desregulado. É posible que unha crise simultánea golpee aos países capitalistas fortes, igual que é posible que unha crise chegue antes a Grecia que ao resto de economías balcánicas. Entón a ofensiva contra os pobos será aínda peor. Debemos estar ben preparados.

O sistema político burgués, o capitalismo monopolista, é dicir, o imperialismo, perdeu hai tempo calquera oportunidade e capacidade que puidese ter para facer algunhas concesións que levasen a unha mellora relativa, en ocasións absoluta, nas condicións de vida. Hoxe en día o sistema volveuse máis reaccionario e bárbaro, e non mudará.

O máximo que pode ofrecer ao mozo parado ou á moza parada é un traballo temporal e mal pagado nun programa de prácticas durante 5-9 meses, un emprego a tempo parcial con algún contratista que de feito opera sen cumprir coas leis que protexen a saúde e a seguridade no traballo, e tras asegurares de que o mozo ou a moza se axeonlla mil veces ante o xefe, o partido, o parlamentario, o alcalde e o prefecto.

Que pode ofrecer a unha parella nova? A escravitude ante as hipotecas, os préstamos persoais e os préstamos para vacacións. Encima de todo iso serán aconsellados por banqueiros que lles dirán que non pidan préstamos innecesariamente. E logo terán que buscar praza nunha gardería ou un xardín de infancia e terán que elixir entre as altas tarifas da gardería pública e as aínda máis altas da gardería privada.

Que pode ofrecer á muller do campo, que non pode permitirse cultivar nada porque ela e o seu home foron expulsados da súa terra? Fai marmelada nun esforzo por romper o embargo dos grandes almacéns, e o agricultor ten tres traballos para tentar chegar a fin de mes, mentres ambos traballan ocasionalmente en grandes hoteis en condicións espantosas, tentando reunir os 101 selos necesarios para solicitar o seguro de desemprego.

Que pode ofrecer ao autónomo, ao pequeno comerciante, cando a parte do león dos seus ingresos vaia aos grandes almacéns?

Que resposta pode dar á falta de infraestruturas sociais? A política da "produtividade", isto é, vostede paga e paga para obter algo. Quere vostede estradas onde non morra xente? Pague polas peaxes. Quere vostede unha casa con protección antisísmica? Pague prezos altísimos por metro cadrado. Quere vostede praias limpas acordes coa paisaxe? Pois admita que haxa homes de negocios que se fagan con elas por case nada e logo lle cobren por entrar, por unha ducha e por unha hamaca.

O remate xa é o escándalo dos grandes mosteiros que toman terra e esixen lagos, sobre a base das firmas de ministros do goberno, ¡e mentres reivindican títulos que lles foron concedidos fai 500 anos ou máis!

Que poden ofrecer este sistema e os partidos no poder a un mozo que queira ter unha educación? Unha escola que baleira os petos dos pais e as mentes da mocidade. Un puñado de "solucións educativas alternativas" polas que hai que pagar e que ofrecen unha degradada formación profesional aos modernos escravos laborais.

Que pode ofrecer ao pobo traballador que quere gozar da súa xubilación con tranquilidade e seguridade? A posibilidade de obter uns poucos euros máis na súa pensión se traballan ata os 67 anos, e por que non ata os 71? Desde aí, unha vida difícil e solitaria, ou unha vida sombría en almacéns para maiores que tamén custan diñeiro. Ou ben se lle pode pedir ao alcalde que lle envíe á súa casa un día a unha traballadora mal paga, ou ata non paga, a través do programa de "axuda doméstica".

A clase burguesa e os partidos que lle serven, a ND e o PASOK, aproveitáronse, e aínda o fan, do Marco de Apoio Comunitario e os seus Programas, principalmente por medio da experiencia dos partidos europeos liberais e socialdemócratas, malgastando diñeiro que foi producido polo traballo duro da xente para reforzar e ampliar a aristocracia obreira. Subornan provocativamente, repartindo abundantes cantidades. Premian aos representantes das organizacións sindicais e partidos políticos que consenten ou aceptan consentir. Mostran xenerosidade cara a ONG's "pantasma", co fin de crear un estrato de "adormecemento cómodo" que fai propaganda do sometemento, con consignas modernas de esquerda e conservadoras. Distribúen xenerosamente diñeiro e privilexios a certos sectores altos das clases medias para organizar a alianza da clase burguesa e corroer conciencias, para evitar a alianza das forzas sociais antimonopolistas.

O oportunismo é xenerosamente apoiado e ao mesmo tempo presionado nunha e outra dirección segundo as necesidades do momento, isto é, en ocasións como muleta do goberno e en ocasións como barreira contra o KKE e o movemento obreiro. Canto máis forte se oen os berros de oposición de SYRIZA, máis obvio se fai que a súa proposta non serve nin para a dor de cabeza do pobo traballador. As súas propostas son como un chaleco salvavidas feito trizas.

A clase burguesa e os seus dirixentes non dubidan en sacrificar mesmo aos seus propios cadros, que serviron ao sistema durante anos, se é necesario quitarse de encima a rabia e o resentimento do pobo. Os escándalos seguen aparecendo e seguirán facéndoo todo o que faga falta para cultivar a visión enganosa de que se os ladróns son apartados, o poder dos monopolios pode facerse humano, social e favorable aos traballadores.



QUE PODE OFRECER HOXE O KKE Ao POBO?



En principio, o que o pobo traballador e a mocidade saben moi ben é que somos loitadores constantes e firmes xunto á clase obreira, os autónomos, os campesiños pobres, a mocidade, as mulleres e os inmigrantes. Informámoslles con rapidez, podemos ver e prever e avisámoslles.

Non temos medo, podemos soportar as penurias, non retrocedemos, non traizoamos e non ocultamos as nosas expectativas.

Non imos enganar a ninguén dicindo que hai solucións intelixentes sen loita popular, sen os sacrificios do pobo.

Damos identidade social e política á nosa proposta de alianza baseada en forzas obxectivas e non en consignas, visións abstractas ou auto referencias subxectivas.

A alianza que propomos baséase nos intereses comúns da clase obreira, os autónomos e os campesiños pobres. Entre estas forzas sociais incluímos aos inmigrantes que traballan no noso país, estean ou non en situación legal.

Esa alianza facémola particular, con programas específicos de acción, para a mocidade e as mulleres que pertencen ou pertencerán a estas forzas sociais no futuro.

Consolidamos e ampliamos esta alianza ao nivel de alianza política. Hoxe isto parece máis difícil, pero é un tema de correlación de forzas. As correlacións cambian coa vontade e actividade da xente. En canto as forzas populares se arreden do derrotismo e a influencia da estratexia monopolista, chegarán os cambios na configuración das forzas políticas. Estes cambios serán sustantivos e non só de forma, como xa ocorreu no pasado, cando ND substituíu a ERE e o PASOK ao partido Enosi Kentro. Baixo o peso dos acontecementos positivos no movemento e nas mentes das persoas, é posible que xurdan novas formacións políticas orientadas a romper cos monopolios, o imperialismo e a estratexia do capital. Aí a nosa responsabilidade será responder. Está en nós axudar, pero non depende só de nós.

A alianza baséase na oposición e a ruptura cos monopolios, e por iso co imperialismo e os partidos que lles serven. Non esiximos que se estea de acordo co socialismo ou que se identifiquen coa ideoloxía do KKE. Con todo, apreciamos que a posibilidade do poder popular poida crear bases comúns para que a alianza poida garantir un cambio de dirección, unha vía diferente de desenvolvemento nunha dirección a favor do traballo, a favor do pobo, sen os compromisos impostos pola UE e a OTAN. Volvemos dicir que non se pode servir a dous señores: ou se serve ao pobo ou aos monopolios.

Algunhas persoas bienintencionadas preguntanse hoxe, cando os problemas do pobo traballador agudízanse máis e máis, cando nos sentimos nunha sufocante ruela sen saída, talvez sería bo que algúns partidos ou movementos se puxésen de acordo en 3 ó 4 problemas básicos e deixasen o resto para máis adiante.

Se os graves problemas de hoxe non fosen máis que 3 ó 4, ou ata 5 ó 6, entón talvez non estariamos falando de sufocantes ruelas sen saída. E ata se escollésemos algúns problemas concretos arbitrariamente, deixando de lado outros, sería posible, ata entón, que houbese acordo con, por exemplo, o PASOK ou SYRIZA? Non existen problemas importantes que non sexan produto dunha liña política xeneral, que se vai trazando agora sobre todos os asuntos, a nivel nacional e interestatal. Ten problemas a clase obreira, teñen problemas os autónomos e os campesiños con pequenas e medianas propiedades. Existen os problemas relativos aos efectos da acumulación e concentración do capital, os problemas das privatizacións, a desregulación do mercado, os efectos dos compromisos coa UE e a OTAN e dos acordos EEUU-Grecia que teñen repercusións nos ámbitos político, económico e militar e no ámbito das liberdades sindicais e democráticas.

Que poderiamos omitir?

Un acordo de oposición é esencia un acordo sobre o posible goberno ou, desde o noso punto de vista, sobre o poder político. Un goberno, independentemente da forma que adopte, está obrigado a trazar unha estratexia global que, por medio de liñas xerais, responda á pregunta de se está cos monopolios ou co pobo, co imperialismo ou co pobo. Grecia non se converterán na Italia, Francia e Alemaña das esperanzas perdidas, ¡o KKE nin participará niso nin o consentirá!

Non nos durmimos plácidamente nos loureiros, loitamos ata coa correlación de hoxe. Pero a resistencia non é suficiente, oporse á forma en que gobernan ND e o PASOK non é suficiente. Fai falta confrontar coa súa estratexia. Fai falta unha loita de alto nivel que poida, con certas condicións, levar á vitoria e a toma do poder. Esta é a "vía de sentido único" da clase obreira e o pobo.

Un novo poder político popular que manteña as vellas relacións de propiedade está condenado a fracasar, condenado á traizón.

O argumento do paso intermedio, a lóxica de "demos un paso adiante e logo vexamos", representa hoxe un grande perigo de que se perda tempo valioso. Ademais, a lección de 1981 non está lonxe.

Dean o primeiro paso hoxe, connosco, unidos, sen que ninguén lle pida ao outro renunciar aos seus propios puntos de vista. Mañá as cousas irán mellor.

Desde este estrado, recordamos que as Teses do CC para o 18 Congreso serán publicadas en outubro, e tratarán dous temas: o informe do Partido e os desenvolvementos políticos, xunto cun novo texto coas conclusións sobre a construción do socialismo. Invitámosvos a participar no debate público que se dará de moitas formas, en Rizospastis e en KOMEP, en reunións públicas e mitins.

¡A nosa forza é a nosa teoría de vangarda, a nosa acción de vangarda!

¡A nosa forza e a nosa arma son a historia do KKE e a KNE, a experiencia e as leccións aprendidas da historia do movemento obreiro e comunista mundial, o exame científico do curso da construción do socialismo no século XX!

¡A nosa forza é a certeza de que o resultado será un novo estalido de crecemento no movemento popular, un novo ciclo de axitación social e revolucións socialistas. Non nos renderemos; cremos no poder e a vontade do pobo!. ¡Cremos na mocidade!

Atenas, 28/9/2008 Oficina de Prensa do CC do KKE

TRADUCIDO POLO PCPE