terça-feira, 14 de outubro de 2008

G. Toussas, Membro do Parlamento Europeo e do CC do KKE, no Encontro sobre a crise económica desde a perspectiva europea

Contribución de G. Toussas, Membro do Parlamento Europeo e do CC do KKE, no Encontro sobre a crise económica desde a perspectiva europea

Ao principio, permítanme transmitir a solidariedade dos comunistas gregos co pobo cubano polos desastres inauditos que causaron os furacáns e expresar a nosa condena da postura cínica de EE.UU. que persiste no embargo criminal de Cuba. Por suposto, non esquecemos os 5 heroes cubanos, non deixamos de esixir a revogación da postura común adoptada polos países membros da UE sobre Cuba.

O KKE interésase vivamente polos acontecementos políticos en América Latina. Na medida das posibilidades observamos o desenvolvemento das loitas populares, as intervencións e as competencias entre EE.UU. e a UE e os seus intentos de promover acordos de mercado libre nos países da rexión a nivel bilateral. é unha falsa ilusión ver a UE como un contrapeso a EE.UU. a favor dos pobos; ao contrario, ten os mesmos obxectivos imperialistas.

En concreto, a UE nas súas relacións cos países de América Latina tenta:
§ Promover os intereses dos monopolios transnacionais europeos a expensas dos pobos da rexión
§ Promover acordos para a «protección dos investimentos e do mercado»
§ Gañar terreo na súa competencia imperialista con EE.UU.
§ Asistir ás oligarquías locais para facer fronte aos movementos populares, restrinxir e eliminar as loitas antiimperialistas e os procesos que se están desenvolvendo.

O KKE apoiou o comunicado común dos 22 PC de países da UE con ocasión do cumio de UE-ALC realizada o maio pasado. No comunicado os partidos rexeitan os inxustos acordos de colaboración promocionados pola UE e condenan a súa política migratoria; confirman o seu apoio á Cuba socialista e esixen a revogación da «postura común» da UE; saúdan a vitoria das forzas populares en Paraguai e salientan a súa solidariedade coa Venezuela bolivariana, os gobernos e os pobos de Bolivia, de Ecuador e de todos os países que están a loitar; condenan os intentos de desestabilizar Bolivia e o apoio por parte do goberno de EE.UU., a tolerancia provocativa das demais forzas imperialistas e a postura intervencionista da UE; esixen que se respecte a independencia e a soberanía dos países e dos pobos de América Latina e do Caribe.

Ademais, esixen que as FARC-EP e o ELN se recoñezan como forzas belixerantes, que se retiren da lista da UE de organizacións terroristas e que se elimine esta lista que constitúe un obstáculo para a resolución pacífica dos conflitos.

Con ocasión da nosa presenza en Madrid quereriamos expresar unha vez máis a plena solidariedade do noso Partido coa camarada Remedios García, coñecida pola súa participación nos movementos de solidariedade cos pobos de América Latina, que foi acusada na base da «lexislación antiterrorista». Trátase dunha fabricación que ten como obxectivo calumniar e penalizar os movementos populares e a solidariedade internacional, e aterrorizar aos pobos.

O noso Partido denunciou a fabricación promovida polo goberno socialista de España en colaboración co réxime reaccionario de Colombia. Ao mesmo tempo, condenamos a escalada dos ataques por parte do réxime Uribe contra comunistas e cadros do movemento popular de Colombia.

Cremos que estes ataques teñen que ver co fervor do anticomunismo na UE. No terreo da intensificada crise capitalista o imperialismo faise aínda máis perigoso e agresivo.

Esta agresividade maniféstase tamén nos atentos de desestabilización en Venezuela e Bolivia. Ao mesmo tempo, multiplícanse os fenómenos de crises nos sistemas políticos de varios países membros da UE; son cada vez máis evidentes a nivel da propia UE. As dificultades que atopan a UE e as forzas burguesas son para nós unha fonte de optimismo. Baixo a intervención popular e a mobilización do movemento obreiro poden multiplicar as brechas na construción imperialista da UE, cambiar a correlación de forzas, abrir camiños en beneficio dos pobos.

O estudo da agudización da crise capitalista é importante para orientar correctamente a loita. Hoxe en día, maniféstanse todas as características típicas dunha crise de superproducción que empezou pola produción no sector industrial de construcións de EE.UU.

Non se trata dunha «crise do neoliberalismo» como sosteñen as forzas que apoian o sistema capitalista, nin se queira dunha crise «financeira», que, segundo varios políticos e analistas burgueses, non ten que ver coa «economía real». As intervencións e as regulacións monopolistas estatais que introduciron Bush, Sarkozy, o primeiro ministro de Grecia e moitos máis, non constitúen en ningún caso unha política progresista.

O dilema de «menos ou máis intervención estatal» para a confrontación da crise económica é falso e pretende enganar a clase obreira e os sectores populares. Ningún tipo de administración pode pór fin a crise capitalista.

Non é verdade que os «modelos económicos» da UE e de EE.UU son diferentes. En ambos existe intervención estatal a favor dos monopolios e a expensas da clase obreira e dos sectores populares. Simplemente, a forma da intervención estatal cambia segundo a fase do desenvolvemento capitalista.

As regulacións de tipo neokeynesiano, a nivel nacional, rexional e internacional, que se propoñen non constitúen unha saída en beneficio do pobo, nin se queira unha proposta realizable, xustamente por que se trata dunha crise do sistema e non unha crise en canto á forma de administración.

Tanto na economía estadounidense como na europea a concentración de capital é tan grande que o estado e os gobernos interveñen intensamente e xogan un papel determinante para asegurar a súa reprodución. En ambas as costas do Atlántico do norte a política segue a mesma dirección promovendo decisións estratéxicas de reformas reaccionarias, aumentando a explotación, limitando e restrinxindo dereitos populares. Ao mesmo tempo, agudízase a competencia interimperialista, as contradicións e a desigualdade.

A crise demostra a necesidade e a actualidade do socialismo como a única alternativa realista. Sen causar rupturas na cadea imperialista e na UE, sen minar o dominio dos monopolios na economía e o seu poder en cada país, non haberá días mellores para os pobos.

A clase obreira, os sectores populares non deben aceptar máis sacrificios para a plutocracia. Pagaron moi caro a fase do desenvolvemento capitalista. Non deben volver facelo na fase da recesión e da crise. A nosa opinión é que os pobos deben intensificar aínda máis as súas loitas proxectando reivindicacións para a satisfacción das súas necesidades modernas. Chamamos ao pobo grego a crear un movemento antimonopolista forte e mostrar indisciplina cara á UE.

Na nosa opinión, os acontecementos esixen unha nova postura cara á UE, unha resistencia organizada a nivel europeo e unha contraofensiva con perspectiva. Xa non é suficiente falar dunha Europa distinta, unha Europa dos traballadores, porque o importante é como se vai a realizar isto a nivel nacional e europeo, que estratexia débese empregar.

Non pode haber solución favorable ao pobo sen que se cuestione o Tratado de Maastricht, as "catro liberdades" que consagra e, en xeral, a política a expensas do pobo e a mesma a UE. O «centro-dereita», a socialdemocracia e o "centro-esquerda" tamén foron postas a exame. Hoxe faise obrigatoria a necesidade dunha alternativa real de oposición ao gran capital e ao imperialismo; unha alternativa que deixe a porta aberta á ruptura co proceso de integración capitalista europea e cunha perspectiva socialista.

Madrid, 3 de outubro 2008