domingo, 12 de abril de 2009

Evo Morales esixirá a Estados Unidos levantar o bloqueo a Cuba


O presidente boliviano, Evo Morales, anunciou este mércores que presentará un proxecto a Estados Unidos demandando a suspensión inmediata do bloqueo económico a Cuba.



A presentación realizarase durante o quinto Cume das Américas, que terá lugar en Trinidad e Tobago a partir do 17 de abril.

O mandatario buscará a conciliación dos países que integran a Alternativa Bolivariana para as Américas (Alba) e dos países do Caribe.

Os presidentes destes países reuniranse o 15 de abril en Venezuela. O obxectivo é acordar unha proposta para presentar como bloque no Cume.

Morales realizou o anuncio un día despois de que a Organización dos Estados Americanos (OEA) descartase aprobar unha mención sobre Cuba no Cume das Américas.

O presidente sinalou que o bloqueo que sofre a illa fai 46 anos non permitiu o desenvolvemento do país e causou unha perda económica de 95 mil millóns de dólares.

Morales dixo que "todos os países de América apoian a Cuba". E agregou que falar do tema é "incómodo para os sectores máis conservadores do continente, pero que para os sectores realmente progresistas sería moi incómodo e irresponsable non falar". (PÚLSAR)