domingo, 12 de abril de 2009

A MTV contra a abstención xuvenil

GARA

Martxelo Díaz Xornalista
A MTV contra a abstención xuvenil

A Comisión Europea non tivo mellor idea para evitar a presumiblemente elevada abstención xuvenil nas eleccións ao Parlamento Europeo convocadas para o próximo mes de xuño que contratar á MTV, a televisión da música de consumo, para que realice unha campaña promocional. Para iso gastaranse, en tempos de crises, case dous millóns de euros.
Segundo os datos feitos públicos pola comisario de Comunicación, Margot Wallström, espérase que a abstención entre os mozos de entre 18 e 24 anos alcance o 77%, superando notablemente o 50% que se rexistrou nos comicios de 2004.
Parece que aos xerifaltes da Comisión Europea non se lles ocorreu que o feito de que os mozos vexan as institucións europeas e ás súas burócratas como algo alleo a eles débese a razóns profundas, como o seu afastamento da cidadanía, polo que non será fácil maquillar o problema con videoclips de musiquiña pegadiza cun fondo azul rodeado de estreliñas en círculo. A opacidade das actuacións da UE é percibida pola cidadanía como un conxunto de burócratas que elaboran normas que regulan as súas vidas con disposicións absurdas. E en caso de dúbida, sempre optan polo capital.
Tampouco se lles ocorreu pensar que moitos dos mozos desa idade identifican Europa co proceso de Bolonia, que lles foi imposto sen a súa participación para avanzar na mercantilización e privatización dos estudos universitarios e que provocou mobilizacións nas rúas.
Outro dos aspectos que tampouco tiveron en conta na Comisión Europea é que os estados membros da UE varren para casa para tentar eliminar a presenza dos pobos da Vella Europa en Estrasburgo. O Estado español impón un distrito estatal único para impedir (ou dificultar) que vascos, cataláns ou galegos teñan voz propia. Se a isto lle engadímos que, como se prevé, o Tribunal Supremo español volverá a ilegalizar a candidatura da esquerda abertzale... Así como van votar?