domingo, 12 de abril de 2009

G20: a súa axenda e a nosa


Josep Maria Antentas
Profesor de sociología da Universidade Autónoma de Barcelona
Esther Vivas

Centro de Estudos sobre Movementos Sociais (CEMS)-Universidade Pompeu Fabra

(Articulo publicado en Publico 07/04/09)

Se algo caracterizou ao recente cume do G20 en Londres é a grandilocuencia das declaracións dos seus protagonistas, empeñados en dar transcendencia histórica ás súas decisións e en buscar frases de impacto. Pero que hai detrás dos acordos anunciados e das políticas seguidas polos gobernos desde o estalido da crise? En palabras do respectado geógrafo David Harvey "o que están intentando facer é reinventar o mesmo sistema(...). O razoamento fundamental que se están expondo é, como podemos reconstituir o mesmo tipo de capitalismo que tivemos nos últimos trinta anos nunha forma lixeiramente máis regulada e benevolente?"

Os acordos do cume profundan as políticas ata agora adoptadas polos seus integrantes para facer fronte á situación. A declaración final mantén o compromiso do G20 coas bases do modelo de globalización neoliberal e as súas institucións. Reafírmase a necesidade de seguir impulsando a liberalización do comercio mundial e os investimentos no marco da Organización Mundial do Comercio (OMC) e de evitar medidas que limiten a circulación de capitais.

Sinálase a necesidade de dar un novo protagonismo ao Fondo Monetario Internacional (FMI) receptor da anunciada inxección de 500.000 millóns de dólares. Isto supón o enésimo intento de restablecer a credibilidade e as funcións dun dos símbolos e alicerces institucionais do actual modelo de globalización. Reforzar o rol do FMI, no ollo do furacán desde o seu nefasto papel na crise financeira asiática de 1997, é toda unha declaración de intencións.

No terreo do sistema financeiro os acordos anunciados están lonxe de supor cambios estruturais, a pesar do anuncio de máis medidas regulatorias e de control que buscan evitar os desmáns recentes. Os rescates a entidades financeiras continuarán como ata agora. A retórica e a presión contra os paraísos fiscais endurécese pero non se anuncian medidas concretas en dirección á súa desaparición efectiva. Tampouco hai propostas claras referentes á regulación dos salarios dos directivos das grandes empresas. Máis aló dalgunhas medidas que poidan paliar a indignación popular ante situacións escandalosas, o certo é que non se albisca ningún cambio substancial da dinámica que comportou a explosión por arriba das remuneracións dos altos cargos e o aumento espectacular do diferencial entre os seus salarios e os dos traballadores medios.

En definitiva, como sinalan Eric Toussaint e Damien Millet, membros do Comité pola Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (CADTM), os acordos do cume representan ?un pequeno retoque de pintura nun planeta en ruínas (...). O G20 vixiará para que se preserve o esencial da lóxica neoliberal. Os principios son de novo apontoados, aínda que o seu fracaso estea claro?.

O sentido das políticas dos principais gobernos do mundo é claro: facer pagar o custo da crise aos sectores populares e intentar apontoar o modelo actual con tímidas reformas que aseguren a súa viabilidade. Fronte a iso é necesario expor outra axenda portadora dunha lóxica de ruptura coa actual orde de cousas. Cambiar o mundo de base, como reza a coñecida estrofa da Internacional, aparece hoxe como máis necesario que nunca. A declaración da asemblea dos movementos sociais aprobada no pasado Foro Social Mundial de Belém traza o que poden ser as liñas mestras dunha axenda alternativa de saída á crise sistémica contemporánea: Temos que loitar, impulsando a máis ampla mobilización popular, por unha serie de medidas urxentes como: a nacionalización da banca sen indemnización e baixo control social; redución do tempo de traballo sen redución do salario; medidas para garantir a soberanía alimentaria e enerxética; pór fin ás guerras, retirar as tropas de ocupación e desmantelar as bases militares estranxeiras; recoñecer a soberanía e autonomía dos pobos, garantindo o dereito á autodeterminación; garantir o dereito á terra, territorio, traballo, educación e saúde para todas e todos; democratizar os medios de comunicación e de coñecemento.

É o momento de profundar e radicalizar as alternativas, no sentido de ir á raíz dos problemas, de apuntar cara ao ?núcleo duro? do actual sistema económico, e non de conformarse con retoques cosméticos, a ?moralización? do capitalismo ou, simplemente, a domesticación das súas ?excesos? neoliberais. Así quedou patente nas demandas das manifestacións celebradas en Londres e en todo o mundo no marco da Semana de Acción Global acordada en Belém.

Aínda que Gordon Brown afirmase en vésperas do cume entender a mensaxe dos manifestantes en Londres, en realidade entre as políticas do G20 e as demandas expresadas nas mobilizacións enfróntanse dúas lóxicas irreconciliables. En palabras de Daniel Bensaïd: ?A do beneficio a calquera prezo, o cálculo egoísta, a propiedade privada, a desigualdade, a competencia de todos contra todos, e a do servizo público, os bens comúns da humanidade, a apropiación social, a igualdade e a solidariedade?. Para nós a elección é clara.