domingo, 12 de abril de 2009

Evo Morales inicia unha folga de fame para esixir ao Congreso de Bolivia que aprobe a lei electoral


* O presidente quere convocar comicios xerais o 6 de decembro
e aplicar a nova Constitución

A PAZ
O presidente de Bolivia, Evo Morales, declarouse en folga de fame
xunto aos movementos sociais que o apoian para esixir ao Congreso
Nacional a aprobación da lei electoral necesaria para convocar os
comicios xerais do 6 de decembro.

O Congreso Nacional de Bolivia celebra desde o mércores unha maratoniana
sesión para intentar aprobar un polémico réxime electoral transitorio
establecido na nova Constitución que mantén enfrontados ao Goberno e
á oposición.

Morales e varios dirixentes sindicais anunciaron o inicio da folga
de fame nunha rolda de prensa nun salón do Palacio de Goberno onde se instalou o grupo de folguistas.

Parlamentarios neoliberais

A medida foi apoiada por dirixentes da Central Obreira Boliviana
(COB), o Consello Nacional polo Cambio (Conalcam) e a Confederación
Sindical de Traballadores Campesiños, encabezadas por sindicalistas afíns a Morales..


O mandatario asegura que sente obrigado a asumir esta medida fronte á
"neglixencia dun grupo de parlamentarios neoliberais" que impide a
aprobación da lei electoral.

Cota de escanos para os indíxenas

A oposición argumentou que o proxecto de lei tal como o expon o
Executivo dá vantaxe á reelección de Morales para un novo mandato. O
Goberno e a oposición discrepan sobre a cota de escanos que debe
outorgarse exclusivamente aos pobos indíxenas, sobre a habilitación do
voto dos bolivianos no exterior e sobre o padrón electoral.

O gobernante di que esta folga de fame representa un esforzo dos
sindicalistas para posibilitar as eleccións e a aplicación da nova
Constitución promulgada en febreiro pasado.