domingo, 12 de abril de 2009

A OTAN celebra 60 anos atrapada en Afganistán

O XORNAL
Once oenegués uníronse para denunciar que moitas das operacións
militares levadas a cabo en Afganistán caracterízanse por "un uso
desmedido da forza". Este grupo, no que están entidades como Oxfam ou
Save the Children, elaborou un informe titulado Atrapado no conflito
onde se insta á OTAN e ás forzas internacionais desprazadas a que
cambien o seu xeito de actuar no país asiático.

No 2008, rexistráronse 2.100 vítimas civís, un 30% máis que o
ano anterior. Os talibán foron os responsables do 55% das mortes. No entanto,
existe unha preocupación crecente polos mortos civís nos
ataques aéreos lanzados polas forzas internacionais, que causaron 552
vítimas, un 70% máis que no 2007, segundo as oenegués. "A pesar de que se deron pasos para reducir as baixas civís e fixéronse varias chamadas á
moderación, demasiadas operacións encabezadas polas tropas estranxeiras
fan un uso desmedido da forza, provocan mortes e causan graves danos
nas propiedades dos afgáns", subliña.

As oenegués advirten que desta forma só se conségue anoxar á
poboación afgá e aumentar o seu resentimento. Estas organizacións propón
normas estritas para regular os ataques aéreos, especialmente os
nocturnos, así como as operacións que levan a cabo os corpos
especiais. Tamén denuncian que as indemnizacións aos familiares son de xeito evidente
insuficientes.