sábado, 24 de maio de 2008



Exitosa conclusión do 17 Seminario Comunista Internacional en Bruxelas

A clase obreira, o seu rol e a súa misión actual. As tarefas e as experiencias concretas do Partido Comunista na clase obreira e no sindicato”.

Do 16 ao 18 de maio de 2008, 47 partidos comunistas e do traballo de 38 países reuníronse en Bruxelas para o 17 Seminario Comunista Internacional, sendo anfitrión o Partido do Traballo de Bélxica. Outros 45 partidos doutros 28 países mostraron tamén interese ou encamiñaron unha mensaxe de solidariedade. O seminario deste ano tivo como tema “A clase obreira, o seu rol e a súa misión actual. As tarefas e as experiencias concretas do Partido Comunista na clase obreira e no sindicato”.

Cada delegación presentou un artigo sobre unha experiencia concreta ou unha análise relacionada ao tema xeral do Seminario. Os ataques en aumento do capitalismo monopolista contra os dereitos e logros da clase obreira e o movemento sindicalista, no contexto da profundización da crise do capitalismo mundial, foron salientados. Nas Conclusións Xerais do Seminario advertiuse que mentres a clase obreira se volveu máis internacionalista e diferenciada, con cambios no seu número, composición e características, o seu papel histórico para dirixir a loita contra o capitalismo e ir ao socialismo ficou invariabel.

A clase obreira necesita da guía política e a forza organizadora do partido comunista na loita polo socialismo. O movemento sindical é necesario para unificar ao total da clase obreira e espertar, organizar e mobilizar aos traballadores polos seus dereitos. O Seminario de Bruxelas concluíu en que o sindicato debe regresar ao seu carácter pioneiro, militante e audaz, e que os partidos comunistas deben apoiar completamente e formar parte activa no movemento sindicalista, para forxar unha resposta máis forte aos ataques capitalistas, concertados e unidos nos niveis nacional, rexional, sectorial e internacional.

No Seminario, varias resolucións específicas foron adoptadas, sobre Latinoamérica (por un intercambio humanitario de prisioneiros en Colombia, contra os intentos de socavar o goberno de Evo Morais en Bolivia, pola solidariedade con Cuba socialista), sobre o Medio Oriente (pola solidariedade co povo de Iraque, Palestina, Líbano e Siria), sobre China e o Tíbet (contra a campaña anti-chinesa) e sobre o crecente anti-comunismo. O Seminario tamén lle mandou unha mensaxe de condolencias ao povo de China en ocasión ao mortal terremoto que sufriu o país recentemente.

Os participantes do Seminario acordaron organizar para o próximo ano o 18 Seminario Comunista Internacional sobre a mocidade “a situación actual da mocidade, o traballo dos comunistas entre a mocidade, e a integración de novas xeracións nos partidos comunistas” do 15 ao 17 de maio de 2009 en Bruxelas.