sábado, 17 de maio de 2008
FASCISMO EN CHEQUIA
Estimados camaradas,
Queremos informarlles das últimas noticias e acontecementos sobre a prohibición da Unión da Mocidade Comunista da República Checa (KSM). O mércores 19 de marzo de 2008, un Tribunal Municipal de Praga rexeitou o recurso administrativo presentado pola KSM contra a decisión do Ministerio do Interior da República Checa que disolvía á Unión da Mocidade Comunista (KSM). A razón oficial da prohibición da KSM é o obxectivo programático da KSM de substituír a propiedade privada dos medios de produción pola propiedade colectiva dos medios de produción. Outra razón para a prohibición foi o convencemento da mocidade sobre a necesidade de loitar por outra sociedade non baseada nos principios capitalistas. Este ataque contra a KSM é a culminación dunha longa campaña anticomunista.
O poder estatal, representado pola policía, deu os seguintes pasos no camiño da fascistización da nosa sociedade. O 1º de Maio de 2008, un grupo de activistas da Unión da Mocidade Comunista, durante a celebración do 1º de Maio nunha cidade de Brno, foi atacado pola policía, que confiscou materiais e bandeiras co logo da KSM e os activistas terán que enfrontarse a procesos legais ante os órganos estatais. Os medios de comunicación checos reflectiron este acto de moitos xeitos e moita xente coñeceu este escandaloso paso na política represiva estatal. Pero iso non é suficiente.
Fai dúas semanas, o grupo Guma Guar, que non é comunista, abriu oficialmente unha exposición contra a prohibición da KSM nunha galería do Vello Concello da capital, Praga. Este grupo rexeitou firmemente a prohibición da KSM e valorouno como un ataque contra os dereitos democráticos básicos. Ademais, presentou na citada galería as campañas da KSM, as expresións de solidariedade coa KSM recibidas dun amplo número de organizacións e individuos estranxeiros, e unha película sobre a KSM. Poden atopar un vídeo reportaxe sobre o acto en http://www.youtube.com/watch?v=uYN5K5rqzrY Precisamente, e simbólicamente, esta exposición foi destruída o 1º de Maio nun brutal ataque de anticomunistas que vestían roupas negras e pasamontañas. O director da Galería Praga gardou silencio ante este violento ataque anticomunista durante 4 días. O grupo artístico quixo reabrir a exposición tras o ataque, pero a galería decidiu suprimir a exposición sen dar oportunidade ao grupo artístico a defender o seu dereito á expresión artística.
Estamos sendo testemuñas dunha opresión anticomunista tanto por parte do Estado como de varios grupos fascistas e de extrema dereita, así como moitos ataques físicos contra activistas da KSM nas rúas.
A KSM chama a todas as forzas democráticas a oporse á prohibición da KSM polo Ministerio do Interior e as correntes anticomunistas e antidemocráticas no actual poder estatal. Así mesmo, a KSM asegura a todos os seus membros e amigos que a pesar das prohibicións e persecucións, os mozos comunistas non desistirán das súas actividades para a loita polos intereses da maioría da xeración nova ? os estudantes, aprendices, mozos traballadores e parados ? e a loita polo socialismo.