quinta-feira, 22 de maio de 2008


Seminario Comunista Internacional sobre “A clase obreira, o seu papel e a súa misión hoxe; as tarefas e experiencias concretas do Partido Comunista na clase obreira e o sindicato”.


Organizado polo Partido do Traballo de Bélxica, Bruxelas 16-18/05/08

Contribución por Demos Koumpouris, membro do CC do KKE (Partido Comunista da Grecia)

O papel e a misión histórica da clase obreira

O papel e a misión histórica da clase obreira foron temas fundamentais de disputa política e ideolóxica. A razón é que a posición sobre este asunto crucial relaciónase coa orientación e perspectiva da loita; determina a resposta á pregunta sobre se o modo de produción capitalista e, xa que logo, a explotación do home polo home, debe continuar ou se debe ter lugar a derrota do capitalismo e a transición ao socialismo.
O papel da clase obreira e a súa misión histórica está determinado por criterios obxectivos.
En primeiro lugar, está determinado pola súa posición no sistema de produción social como clase explotada polo capital; pola súa relación cos medios de produción é unha clase que, non tendo medios de produción propios, vese obrigada a vender a súa forza de traballo para vivir. O seu papel tamén está determinado pola súa función executiva na organización social do traballo, así como pola súa participación na riqueza social, a saber, o seu salario que garante a súa supervivencia.
Os criterios marxista-leninistas mencionados máis arriba tamén son aplicables hoxe e supoñen a resposta aos intentos dos burgueses e oportunistas que apoian o capitalismo de restrinxir, eliminar ou romper a unidade da clase obreira baixo o pretexto dos cambios causados polo desenvolvemento da ciencia, a tecnoloxía e as forzas produtivas.
Os comunistas estudamos as novas condicións e temos en conta as consecuencias da revolución na ciencia e a técnica.
Con todo, as forzas produtivas estanse a desenvolver sobre a base específica das relacións capitalistas de produción, como ocorreu no pasado, na Revolución Industrial do século XIX.
Este factor determinante non mudou, existe tamén hoxe e seguirao a facer no futuro. Desde este punto de vista, as teorías que analizan o capitalismo como unha sociedade post-industrial, como a sociedade do coñecemento ou como o “capitalismo casino”, etc., están guiadas polo interese.
O sistema segue sendo tal e como era no pasado: a fase superior do capitalismo, o imperialismo.

“Este obxectivo final está determinado polo carácter da moderna sociedade burguesa e pola tendencia do seu desenvolvemento. A principal característica específica desta sociedade é a produción de mercancías baseada en relacións capitalistas de produción, baixo as cales os máis importantes e a maioría dos medios de produción e intercambio de mercancías pertencen a unha clase numericamente pequena, mentres que a ampla maioría da povoación está constituída por proletarios e semi-proletarios que, debido á súa propia posición económica, vense obrigados, permanente ou periodicamente, a venderen a súa forza de traballo, é dicir, a alugarse aos capitalistas e a crear co seu traballo os ingresos das clases superiores da sociedade”. [1]

Claro que hai diversidade nas filas da clase obreira e ao seu redor; hai diferenzas segundo as diferentes profesións, o ingreso e a situación económica en xeral, pero isto non cambia a tendencia ao aumento do traballo asalariado, o proceso de aumento da clase obreira e o fortalecemento do seu papel.
É máis, o crecemento do capital e a expansión das relacións capitalistas de produción levan ao desprazamento dos campesiños pequenos e medianos e intensifican a tendencia á proletarización das capas medias.
En Grecia esta tendencia demóstrase con elementos concretos e malia as dificultades causadas polas estatísticas, podemos afirmar que no período 1981-1986 a clase obreira aumentou en 810.000 persoas en números absolutos e nun 51,6%.
En 1996, a clase obreira representaba o 55% da povoación activa, participando case un 93% do traballo asalariado. Aproximadamente un 80% da clase obreira foise congregando nas áreas urbanas.
O 38% da clase obreira no sector industrial, o 13,8% no comercio, o 13% no sistema de saúde, o 8% no sistema de benestar en xeral, etc.
Estas tendencias creceron nos anos posteriores, especialmente no sector do comercio e no sector de turismo e alimentación, onde tivo lugar unha grande acumulación e concentración de capital. Ao mesmo tempo, no sector agrícola hai miles de inmigrantes traballando como xornaleiros.
Exceptuando as manufacturas, o sector industrial tamén inclúe as ramas do transporte, a enerxía e as telecomunicacións, que as estatísticas burguesas atribúen ao sector servizos.
Nesas ramas o proceso de reestruturación capitalista, a desregulación de mercados e o proceso de privatizacións levaron a unha redución dos postos de traballo nas antigas empresas públicas “empresas de interese común”- e á expansión do capital privado e monopolístico que emprega a milleiros de obreiros e mozos nomeadamente en traballos a media xornada.
Estes datos suxiren que a explotación da forza de traballo está aumentando, que a acumulación de capital supón a deterioración das condicións de vida do povo traballador e que a contradición capital-traballo estase a agudizar.
As características que afirman o carácter de vangarda, dirixente, do proletariado, son claras.
Debido aos desenvolvementos fácticos, a tese fundamental do Manifesto Comunista tamén se aplica hoxe: “De todas as clases que hoxe se enfrontan coa burguesía non hai máis que unha verdadeiramente revolucionaria: o proletariado. As demais perecen e desaparecen coa grande industria; o proletariado, entroques, é o seu produto xenuíno e peculiar?.[2]
O interese da clase obreira como principal forza produtiva, que produce a riqueza da que se apropian os capitalistas, é loitar pola abolición da explotación e o establecimento de novas relacións socialistas de produción baseadas na socialización dos medios de produción.
Ademais, a concentración da clase obreira supón unha vantaxe dando lugar a novas posibilidades para a súa organización, malia os obstáculos postos á acción unitaria polas “novas” relacións laborais: as formas flexíbeis de emprego, a fragmentación dos convenios colectivos xerais, os acordos laborais individuais.
Hai unha necesidade imperativa para os comunistas de estudar estes desenvolvimentos, así como para as forzas de clase no movemento obreiro de axustar as súas tácticas para que a clase obreira se desenvolva en función das actuais evolucións.
O tema do suxeito revolucionario foi importante para a loita ideolóxico-política entre as forzas comunistas e as forzas socialdemócratas e oportunistas.
Esta cuestión rexurdiu recentemente, coa aparición dos “foros sociais”. Nestas formacións participan forzas pequeno-burguesas, mesmo burguesas. Menosprezan ou negan a loita a nivel nacional como o principal marco de loita. Tratan de substituír a noción de clase pola de “multitudes”. Por iso están sendo utilizados como vehículo para a disolución da identidade comunista en ambiguas formacións da “esquerda”.
Consígnas que promoven, tales como “a xente antes que os beneficios” ou “outro mundo é posíbel” non van máis aló dos límites do capitalismo. Ao mesmo tempo, as forzas dirixentes neles difaman ao socialismo do século XX que, malia as desviacións, os erros e os atrasos que levaron ao seu derrocamento, foi un contributo histórico valioso.
Estas forzas non poden ser o suxeito revolucionario, tampouco pola súa posición subxectiva.

Sobre a estratexia e táctica do KKE
No programa do KKE aprobado no 15 congreso en 1996, dise que:
“O povo grego será liberado das ataduras e efectos da explotación capitalista e da opresión e dependencia imperialista cando a clase obreira e os seus aliados leven a cabo a revolución socialista e procedan a construíren o socialismo e o comunismo. Na nosa época, a época da transición do capitalismo ao socialismo, a loita entre as clase diríxese cara á resolución da contradición primaria entre capital e traballo. O cambio revolucionario en Grecia será socialista. A forza condutora da revolución socialista será a clase obreira como forza dirixente, os semi-proletarios, campesiños pobres e as capas urbanas pequeno-burguesas máis oprimidas do povo”.
O noso partido segue unha política específica relativa á alianza con outras forzas que se desenvolve por medio do intento de construír a Fronte Democrática Antiimperialista e Antimonopolista. Esta Fronte basearase nunha ampla base social e expresa os intereses da gran maioría do povo que experimenta as consecuencias dos monopolios, das actividades das compañías multinacionais e da participación do país nas organizacións imperialistas.
A forza da fronte -a alianza social e política- reside no papel dirixente da clase obreira e o seu partido, en alianza coas capas sociais (campesiños medios, autónomos en centros urbanos) que loitan en sentido antiimperialista.
Tales direccións estratéxicas determinan a posición, a táctica e as decisións dos comunistas no movemento obreiro, na loita contra o proceso de reestruturación capitalista, contra a estratexia do capital.
A liña de loita antiimperialista e antimonopolista contribúe á concentración de forzas, á organización da resistencia contra as políticas dos governos liberais e social-demócratas, contra a UE, a OTAN e o resto de organizacións imperialistas; contra o ataque do capital en xeral.
Esta loita non se restrinxe a esixencias relativas a mellores condicións para a venda da forza de traballo. É a vía para o cambio na correlación de forzas que, baixo certas condicións, podería achegarse á transición ao socialismo.
De acordo con esta liña que se relaciona coa solución do tema do poder, os comunistas intentan politizar a loita das masas.
Promoven un marco de esixencias que alcanzan as necesidades actuais da clase obreira e os sectores populares e oponse á estratexia do capital.

Algúns exemplos:

En primeiro lugar, as decisións da UE e a política dos governos de ND (partido liberal) e o PASOK (partido socialdemócrata) apoian o desreguamento de sectores como o enerxético e o de telecomunicacións, así como a privatización das empresas públicas.
Neste punto hai unha disputa entre as teses do KKE e as do resto de partidos, incluíndo ao oportunista SYNASPISMOS.
O resto de forzas políticas acepta a idea da desregulación e a privatización. Especialmente os socialdemócratas e os oportunistas falan de privatización parcial e “control estatal”, aumentando a confusión e as ilusións.
Os comunistas loitan contra o desregulamento e a privatización, pero non desde o punto de vista do pasado. Isto significa que loitamos contra a privatización pero non defendemos as empresas públicas como medios de desenvolvimento capitalista.
Na nosa opinión, as empresas públicas privatizadas ou mesmo as empresas públicas, operando baixo as condicións de “liberalización e competencia”, reguladas por “criterios económicos privados” non poden server aos intereses e necesidades do povo.
A resposta á liberalización e privatización debería ser a loita tendente á socialización de sectores e empresas de importancia estratéxica para a economía e o estabelecimento de empresas exclusivamente públicas (enerxía, telecomunicacións, etc.), respondendo ás necesidades do povo traballador en xeral, así como dos obreiros a cárrego de tales empresas.
A nosa experiencia ensínanos que en tal vía podemos desenvolver unha poderosa resistencia aos ataques e ao mesmo tempo proxectarmos demandas que correspondan ás necesidades dos obreiros conectadas coa nosa proposta dunha solución alternativa contra a estratexia do capital. Así será posible facer que os obreiros sexan máis decididos nas súas esixencias.
Déixenme darlles outro exemplo. A UE e os governos burgueses acaban cos dereitos laborais, xeralizan o traballo a media xornada e fan referencia constante á denominada flexibilidade e seguridade. Na práctica, estas medidas levan á xeralización de formas flexíbeis de emprego así como a unha explotación intensificada da forza de traballo.
Como respondemos a estes desafíos tendo in mente a necesidade de manter aberta a perspectiva e avanzar na loita?
Concentramos a nosa acción para crear unha fronte contra as formas flexibeis de emprego, o subempleo, a regulación do tempo de traballo e o socavamento dos convenios colectivos de traballo.
Facemos fincapé e esiximos: emprego estábel a tempo completo; estabelecimento da xornada de 35 horas, é dicir, 7 horas ao día, 5 días á semana; xornada de 6 horas para os empregos pesados ou insalubres; altos salarios tendo en conta o incremento da riqueza producido polos obreiros así como o incremento da produtividade laboral.
Esta dirección para a loita axuda a reagrupar e organizar as forzas, a desenvolver un movimento que loita por todo un paquete de demandas progresistas mentres ao mesmo tempo pon na axenda a necesidade de cambios profundos, radicais, da sociedade en dirección progresista. Na nosa opinión isto é absolutamente importante xa que a necesidade de asegurar traballo para todos esixe unha economía popular socialista e planificación central.
É precisamente esta análise o que leva ao noso partido a loitar ao mesmo tempo por unha educación e un sistema sanitario exclusivamente público e gratuíto e pola abolición da actividade empresarial en xeral.
Loitamos por un sistema de seguridade social universal e exclusivamente público.
Neste sentido, o KKE actúa para elevar a súa influencia en fábricas e empresas por medio da acción xeral das organizacións do partido e por medio das células do partido nas empresas, tentando ao mesmo tempo crear as máximas posibles.

Sobre a loita dos comunistas no movemento obreiro.s no movemento sindical da clase obreira.
Consideramos un tema moi importante a táctica dos comunista
Cremos que este tema debe discutirse e queremos contribuír a iso expondo as nosas experiencias e pensamentos.
No movemento obreiro poden atoparse moitas forzas políticas e sindicais con diferentes bases ideolóxicas e políticas. Isto é outro asunto que necesita máis análise.
En Grecia hai dúas grandes Confederacións Xerais de Traballadores. Unha é a GSEE (Confederación Xeral de Traballadores Gregos) e representa aos traballadores do sector privado e as antigas empresas “de interese xeral”. A outra é ADEDY (Administración Suprema de Sindicatos de Empregados Públicos Gregos) e representa aos traballadores da Administración pública.
Hoxe en día non podemos manter o enfoque de anos anteriores para referirnos ás forzas reformistas tradicionais que negaban o proceso revolucionario e estaban a prol dalgunhas reformas administrativas.
Hoxe en día, estas forzas están incorporadas á estratexia e aspiracións do capital e, ademais, constitúen un factor crave que apoia as unións imperialistas e as políticas da “UE dun só sentido”.
As forzas reformistas son un factor crave na constelación de forzas que apoian ao capitalismo, toda unha maquinaria que incorpora á clase obreira á lóxica de colaboración de clases e corrompe a conciencia popular.
Desde o principio dos 90, estas forzas, as forzas do sindicalismo controlado polos xefes, o partido Nova Democracia, o Movemento Socialista Panhelénico (PASOK) e a oportunista Coalición da Esquerda, dos Movementos e a Ecoloxía (SYN), defendeu de diferentes xeitos as liñas directrices básicas da UE, apoiou a reestruturación capitalista, as privatizacións, o ataque contra os dereitos laborais e de seguridade social, así como a política de austeridade.
Estas forzas intentan limitar as esixencias dos traballadores promovendo solucións “factibeis” e ”realistas” co obxecto de servir aos intereses dos capitalistas.
Para acadar tales metas, estas forzas non dubidan en utilizar o tacticismo e as maquinacions. En ocasións convocan loitas baixo a presión dos traballadores e o movemento obreiro e fan uso de varios medios para controlar o movemento sindical e mesmo alterar a correlación de forzas.
Os comunistas estamos en constante confrontación con estas forzas. En Grecia a loita das dúas liñas no movemento sindical maniféstase cada día.
O KKE apoia ao PAME, a Fronte Militante de Todos os Traballadores é unha correlación de federacións, centros de traballo, sindicatos, comités de loita, sindicalistas a título individual e obreiros que loitan con orientación de clase a partir dunhas esixencias que desafían aos capitalistas, as unións imperialistas e calquera política que estea contra os intereses populares.
As forzas afiliadas a PAME non se absteñen das súas obrigas como membros de confederacións nin doutras estruturas do movemento sindical.
Participan en tales estruturas, sen ningún compromiso, participando activamente nos debates e promovendo as súas esixencias. Con todo, o aspecto principal de PAME é a preparación de propostas sobre os problemas da clase obreira e as familias populares, os problemas do povo grego e os inmigrantes.
PAME utiliza na súa actividade todas as formas de loita: protestas, manifestacións, folgas, sentadas.
Recentemente, desde novembro de 2007 ata maio de 2008, organizáronse moitas importantes loitas contra a nova lei do governo acerca do sistema de seguridade social. Esta lei prevía un atraso xeral na idade de xubilación, un atraso nas idades de xubilación de nais traballadoras con fillos dependentes, unha redución das pensións, unha dura redución da lista de ocupacións duras e perigosas, etc.
As forzas de PAME estiveron en primeira liña dando unha orientación de clase a todas estas loitas, así como ás dirixidas aos convenios colectivos. Neste punto é necesario recordar o feito de que a maioría da dirección da Confederación Xeral aceptaba unha lei similar á aprobada polo socialdemócrata PASOK en 2002, atacando os dereitos de aseguramento da clase obreira.
Ao mesmo tempo, a Confederación Xeral, xunto cos empresarios, asinaba o Convenio Colectivo Nacional, que daba unha subida de 1 euro diario ao salario mínimo diario de 29 euros e mensual de 657 euros.
PAME loitou de diferentes xeitos (manifestacións, folgas, sentadas, etc.) coa participación de miles de traballadores.
É de especial importancia o feito de que houbo un moi alta porcentaxe de traballadores que foron á folga no sector privado, nas ramas de construción, metal, alimentación, téxtil, comercio, farmacéuticas, centros de saúde privados, etc., áreas onde os empresarios ameazan, chantajean e fan uso de calquera outro método contra a clase obreira para aterrorizala e romper as súas folgas.
A abafadora maioría de traballadores do sector privado que foron á folga participaron nas concentracións de PAME, mentres nas concentracións organizadas polo sindicalismo controlado polos empresarios e o governo, co apoio dos medios de comunicación, participaron principalmente a pequena burguesía (avogados, médicos, etc.) e empregados do sector público.
No entanto, a superioridade do movemento clasista non se ve só polo número de traballadores que toman parte no mesmo, senón tamén polos seus compoñentes. Demóstrase na organización do movemento, na preparación de folgas, nas miles de reunións mantidas antes da folga, nas visitas aos centros de traballo, nas conversacións cos traballadores nas fábricas e empresas e nos piquetes durante a folga para protexer o dereito dos traballadores á folga.
Esta superioridade é clara tamén no marco das esixencias que enlazan coas necesidades dos traballadores hoxe, incluíndo a rebaixa da idade de xubilación aos 55 anos para as mulleres e aos 60 para os homes, e cinco anos menos para quen traballan en ocupacións pesadas ou insalubre, xubilación tras 30 anos de traballo sen límite de idade, un sistema exclusivamente público e gratuíto de saúde, un salario mínimo de 1.400 euros e unha base de pensión de 1.120 euros.
A loita do movemento clasista choca con esta política completamente posto que esta non serve ao beneficio do povo. Resalta o feito de que as medidas aplicadas que levan á destrución dos dereitos sociais, de seguridade e laborais, ás privatizacións e á mercantilización da saúde, os servizos sociais e a educación, son pedras de toque da reestruturación xeral capitalista actualmente en marcha.
A UE e as forzas liberais e socialdemócratas que promoven a liberalización, presionan a favor destas reestruturacións. Tratan de promover a competitividade capitalista e a concorrencia e estimular os súper-beneficios. Por iso reducen o prezo da forza de traballo e intensifican a explotación.
As forzas de PAME que loitan contra esta política tratan de superar o baixo nivel de organización da clase obreira nos sindicatos, organizando principalmente a xente nova, mulleres, traballadores con empregos flexibles e inmigrantes.
Quen apoian a PAME esfórzanse por establecer formas diferentes de acción colectiva e organización, talles como os comités de loita, os comités sindicais ou outros, co fin de crear organización sindical en todos os centros de traballo.
Teñen o obxectivo de acabar coa actual correlación e facela favorable á clase obreira, o que é condición para a total reorganización do movemento obreiro.
Ademais, gustaríanos recalcar a importancia da contribución de PAME no movemento obreiro no relativo ao desenvolvemento do internacionalismo, a promoción da solidariedade entre os traballadores en beneficio de toda a clase obreira e os povos que se enfrontan ás ameazas e a intervención dos imperialistas, a favor da Revolución Cubana, dos povos palestiniano, iraquiano e outros.
O KKE e PAME apoian á FSM e os actuais esforzos que se están a realizar para a súa reorganización e activación, así como para o reforzamento da súa orientación de clase.
Notamos con satisfacción que tras o 15 Congreso da FSM na Habana estes acontecimentos foron seguidos por novas afiliacións de moitos sindicatos e por moitas accións coordenadas en todos os continentes.
Consideramos que o fortalecemento da FSM é unha tarefa que ha de ser levada a cabo polos partidos comunistas porque a urxencia dun polo clasista no movemento sindical internacional é un elemento indispensable na loita contra o capitalismo, as políticas gobernamentais que atacan os dereitos do povo, contra a dirección dos Sindicatos Libres e da Confederación Europea que se aliñan e someten á plutocracia e ao imperialismo.
Na nosa opinión, a acción conxunta dos partidos comunistas e obreiros no relativo aos problemas da clase obreira fortalecerá a loita de clases.
Algunhas iniciativas respecto diso poden ser, por exemplo, as seguintes:
.Continuar a campaña esixindo un referendo e a condena do Tratado Europeo que ten como meta unha UE máis reaccionaria.
.Desenvolver accións conxuntas contra a Estratexia de Lisboa, a directiva Bolkestein e as decisións tomadas polo Tribunal Europeo.

. Accións contra as leis antiterroristas da UE, etc.
.Desenvolver accións conxuntas para esixir emprego estabel a tempo completo, 7 horas ao día 5 días á semana, e 6 horas ao día para as ocupacións pesadas e insalubres, seguridade social pública para todos, rebaixa da idade de xubilación, sanidade e educación exclusivamente públicas e gratuítas para todos.
.Desenvolver iniciativas a favor dos dereitos dos mozos traballadores, as mulleres e os inmigrantes.
.Continuar e desenvolver novas accións conxuntas contra as empresas multinacionais que despregaron os seus tentáculos en varios países.

.Os partidos comunistas temos unha importante tarefa que cumprir. Temos confianza en que este debate e a acción conxunta continuarán en beneficio da clase obreira e o desenvolvemento da loita de clases.
Dámoslles as grazas e desexámoslles grandes éxitos no seminario.
Maio de 2008


[1]V.I. Lenin, Materiais relativos á revisión do Programa do Partido. Borrador do Programa revisado, xuño 1917
[2] Karl Marx e Friedrich Engels, O Manifesto Comunista.

Traducido polo PCPE.