segunda-feira, 26 de maio de 2008


XVII Seminario Comunista Internacional

A clase obreira, o seu papel e a súa misión actual.

As tarefas e as experiencias concretas do Partido Comunista na clase obreira e no sindicato

Bruxelas, 16 - 18 de maio do 2008

www.icsbrussels.org , ics@icsbrussels.org
co agradecimento dos camaradas belgas ao PCPE pola a sua axuda na traducción do texto e o seu importante labor internacionalista.


Conclusións xerais

Tras un intercambio de experiencias e de ideas e tras discusións sobre a situación actual e os problemas da clase obreira, a súa composición, o seu rol e as súas loitas, os ataques contra os seus dereitos e as súas conquistas, o papel dos sindicatos e as tarefas dos partidos comunistas na clase obreira e os sindicatos, nós, os participantes do 17 Seminario Comunista Internacional reunidos en Bruxelas, chegamos ás seguintes conclusións xerais:

1. Ao longo dos últimos trinta anos, a clase obreira sufriu cambios significativos no seu número e composición, pero segue mantendo o seu papel histórico de sepultureiro do sistema capitalista.

O desenvolvimento vertixinoso da informática e das telecomunicacións induciu cambios no proceso de produción. O capital aprovéitao para administrar en tempo real operacións industriais e financeiras mundiais, para introducir sistemas de produción flexibeis e para dividir o proceso produtivo nunha rede de subcontratas. Isto aproximou, en moitos campos, o traballo manual e intelectual.

A reestruturación capitalista tradúcese nunha mobilidade acrecentada da produción cos seus peches de empresas e re-localizacións. A clase obreira tamén se volveu máis móbil e os fluxos migratorios seguen a demanda da forza de traballo dos capitalistas, coa esperanza dos traballadores dun mellor futuro. Con todo, o capitalismo monopolista permite os fluxos migratorios unicamente cando son do seu interese, reprimindo e ilegalizando calquera outro tipo de migración. O traballo precario, o sub-contrato e os contratos de duración determinada, as interinidades e o traballo clandestino xeralizáronse. Algúns triunfos importantes da clase obreira, como a xornada laboral de oito horas, desmanteláronse polo aumento da xornada de traballo e a xeralización das horas extras. O fenómeno dos traballadores pobres estase a estender tamén nos países mais desenvolvidos.

Ao mesmo tempo, algúns dos principais logros da clase obreira foron destruídos pola mercantilización dos sistemas públicos nos ámbitos do ensino, a saúde e os servizos sociais. A reestruturación capitalista que seguiu á explosión da crise mundial dos anos 70 concentrouse nos servizos públicos e nos bens colectivos. A propiedade pública malvéndese ao sector privado. Aí aplícanse os métodos da administración privada e as condicións de traballo volvéronse máis estresantes. É o caso do persoal dos hospitais, os empregados do servizo postal, o transporte urbano e os ferrocarrís, os educadores, etc. As palabras que se oen non son agora “servizo ao publico” senón “rendibilidade”, non “usuarios” senón “clientes”?.

A vitoria da contrarrevolución nos países socialistas da Europa do Leste e na Unión Soviética provocou unha agresividade sen límite dos capitalistas e dos governos burgueses, quen xa non temen ao efecto de “contaxio”. Isto xerou un ataque xeral ás conquistas sociais, un atentado aos dereitos democráticos e sindicais, unha degradación dos estatutos, das condicións de traballo e de vida no mundo enteiro.

2. Fai xusto 160 anos que Marx e Engels redactaron en Bruxelas o Manifesto do Partido Comunista no que dicían: «A burguesía non só forxou as armas que han de darlle a morte, senón que, ademais, puxo en pé aos homes chamados a manexalas: os obreiros modernos, os proletarios». Engels estudou con coidado a penosa condición da clase obreira en Inglaterra, pero xa albiscaba, a través da miseria, o potencial revolucionario desta clase explotada.

En cada período do desenvolvemento capitalista as evolucións materiais suscitan teorías que anuncian que o marxismo foi excedido. Ese foi o caso en 1898 cando Bernstein pretendeu que Marx non previra o nacemento dunha clase media. Ese foi o caso nos anos 20 cando Kautsky xulgaba que había un proletariado o suficientemente instruído e experimentado para impor a súa vontade pola vía electoral. Ese tamén foi o caso nos anos 60 cando Gorz dicía «adeus ao proletariado». Actualmente, espállase a idea de que a produción material xa non será a fonte principal das ganancias capitalistas. Filósofos como Hardt e Negri falan da desaparición definitiva do proletariado a favor dunha `”multitude”, e acharon eco na nova socialdemocracia á Bertinotti.

En cada ocasión, trátase dunha ofensiva ideolóxica para pór en cuestión que na sociedade capitalista hai dúas clases antagónicas, a clase burguesa e a clase obreira. A negación desta contradición leva directamente á conclusión política de que a clase obreira xa non é «a clase verdadeiramente revolucionaria» da cal falaba Marx e que o seu rol de vangarda para cambiar a sociedade desapareceu. Así desaparece dunha plumada a necesidade de construír un partido que teña como obxectivo guiar ao proletariado nesta tarefa histórica.

Esta negación da vía trazada por Marx e Engels (clase de vangarda), despois por Lenin (partido de vangarda) serve para crear ilusións reformistas sobre a transformación pacifica e parlamentaria do capitalismo.



3. Con todo, os eventos recentes demostran unha vez máis que o sistema capitalista mundial é incapaz de manexar as súas contradicións. Mostran tamén que a contradición antagónica entre o capital e o traballo conduce inevitabelmente a unha crise de sobreproducción e a unha crise a nivel planetario. Tras a explosión da borbulla financeira da débeda do terzo mundo (1982), tras a explosión da burbulla financeira asiática (1997), tras a explosión da borbulla financeira da informática (2000), é a borbulla financeira das «subprimes» (ligadas aos préstamos hipotecarios nos Estados Unidos) que xusto acaba de explotar a partir de 2006. Iso ocorreu á sombra dun déficit comercial norteamericano insostible e dun dólar en declinio. Todos estes fenómenos conxunturais apuntan a que unha crise severa vai estalar.

Isto demostra unha vez máis que a «saúde» do capitalismo mundial é extremadamente fráxil e se sostén artificialmente polas borbullas especulativas. A loita dos monopolios polos mercados e as materias primas, incluídos os produtos agrícolas e os produtos alimentarios, causa un aumento espectacular de prezos, reforzado aínda máis pola especulación. Isto leva a máis empobrecimiento das masas traballadoras, o que suscita revoltas por fame e movementos populares en loita por un maior poder adquisitivo no mundo enteiro.

Todas estas catástrofes sociais serían imposibeis se as riquezas da terra fosen posuídas e administradas de xeito colectivo e planificada ao servizo da povoación. O mesmo é válido para as catástrofes climáticas e ecolóxicas que ameazan ao planeta. Un pequeno feixe de monopolios decide segundo os seus intereses e, na carreira pola máxima ganancia, están dispostos a cometeren crimes contra a humanidade. Hai máis que nunca unha concentración do poder en mans da oligarquía financeira que desprega os seus tentáculos por todo o planeta.

A internacionalización da produción e os avanzos tecnolóxicos reforzan os desastres de todo tipo que son causados pola propiedade privada dos medios de produción e de troco.

4. Só a clase obreira, como o demostraron Marx e Engels, ten o interese e a forza para cambiar de fondo a sociedade pondo así fin á explotación do home polo home. A clase obreira está en evolución permanente pero o seu carácter distintivo non muda: defínese como o conxunto de traballadores explotados, é dicir, todos aqueles e aquelas que sobreviven coa venda da súa forza de traballo.

Os criterios citados por Lenin para pertencer á clase obreira seguen a ser válidos: “Un chama clases a vastos grupos de homes que se distinguen polo lugar que ocupan nun sistema historicamente definido de produción social, pola súa relación (a maior parte do tempo fixada e consagrada polas leis) ante os medios de produción, polo seu rol na organización social do traballo, e xa que logo, polos modos de obtención e a importancia da parte das riquezas sociais das que dispón. As clases son grupos de homes nos cales un poder apropiar do traballo do outro, debido ao lugar que ocupa nunha estrutura determinada, a economía social”. (A grande iniciativa).

Séguese que a clase obreira é máis numerosa que nunca como o amosan as cifras do traballo asalariado.

Desta clase obreira, só unha parte produce a plusvalía. A súa concentración nos grandes grupos da produción, do transporte e as comunicacións, dálle os medios para bloquear a economía. Se se cre nas estatísticas burguesas, esta capa estaría en vías de desaparición nos países capitalistas avanzados, logo da “terzarización” da economía. Pero estas cifras falsean a realidade: moitos “servizos” eran tomados antes como parte da cadea de produción e quedan intimamente ligados á produción.

Mentres que o número de empregos industriais diminúe en certos sectores nos países occidentais, o número total de empregos industriais permanece polo menos estábel, mentres que o número de obreiros fabrís medra na Asia, na África e na América Latina.

Ao redor deste núcleo produtivo da clase obreira, existen capas cada vez mais proletarizadas no sector dos servizos sociais, da administración pública, do ensino e do sector público ?”liberalizado”.

A clase obreira está máis diversificada que no pasado. O capital explota ao máximo a diferenza de estatutos, de dereitos, de nacionalidade e de orixe para facer empeorar a sorte do conxunto da clase obreira. Os contratos fixos teñen o seu contrapeso nos contratos temporais, os traballadores subcontratados gañan menos que os seus colegas, os traballadores inmigrantes fan o mesmo traballo a menor prezo e os contratos estatutarios son remplazados polos laborais e de interinidade nos servizos públicos.

En moitos países, o sector informal, sen contrato e sen organización, ocupa un lugar cada vez máis importante, nomeadamente nos países onde practicamente non existen leis que protexan aos traballadores. No sector dos traballadores clandestinos, non existe ningunha protección e iso conduce á sobreexplotación.

A clase obreira se internacionaliza, diferénciase e sofre unha degradación das súas condicións de vida e de traballo. Isto dá unha nova intensidade a consígnaa de Marx e Engels: «¡Proletarios de todos os Países, unídevos!».

Que a clase obreira baixo as condicións actuais do imperialismo se teña tornado mais internacional, que teña máis coñecemento dos desenvolvementos científicos e tecnolóxicos, déixaa mellor preparada para realizar e dirixir a sociedade socialista. Está en situación de dominar o aparello de produción, socializarlo e polo ao servizo de todo o planeta. Deste xeito, é portadora do porvir.

Con todo, como dicían K. Marx e F. Engels, “A loita do proletariado contra a burguesía, aínda que no fondo non sexa unha loita nacional, reviste con todo ante todo esa forma. Non fai falla dicir que o proletariado de cada país debe terminar, primeiro de nada, coa súa propia burguesía”. (Manifesto Comunista).

5. A clase obreira ten necesidade de partidos comunistas que defendan os seus intereses fundamentais. Como indicaban Marx e Engels no Manifesto : “Os comunistas non se distinguen dos demais partidos proletarios máis que nisto: en que destacan e reivindican sempre, en todas e cada unha das accións nacionais proletarias, os intereses comúns e peculiares de todo o proletariado, independentes da súa nacionalidade, e en que, calquera que sexa a etapa histórica en que se mova a loita entre o proletariado e a burguesía, manteñen sempre o interese do movemento enfocado no seu conxunto.

Os comunistas son, pois, practicamente, a parte máis decidida, o acicate sempre en tensión de todos os partidos obreiros do mundo; teoricamente, levan de vantaxe ás grandes masas do proletariado a súa clara visión das condicións, os camiños e os resultados xerais a que ha de abocar o movemento proletario”.

Os partidos comunistas dan unha importancia prioritaria ao traballo no seo da clase obreira. Ao mesmo tempo, por razóns estratéxicas, na loita contra o capitalismo e o imperialismo, e a prol do socialismo, os partidos comunistas consagran unha atención particular aos grandes sistemas de produción e de troco, aos sectores craves da economía. É aí onde se sitúan os núcleos da economía actual onde están tamén os núcleos da organización e da loita. É aí onde os traballadores están na mellor posición de adestrar ás outras capas da clase obreira na loita por unha sociedade sen explotación. Iso implica ante todo unha presenza nos lugares de traballo, nas loitas de clase. Sen menosprezar a importancia de ter postos de elección nos parlamentos burgueses, será a implantación entre a clase obreira o que determinará a correlación de forzas. A presenza dos partidos comunistas no seo da clase obreira segue sendo a tarefa prioritaria. A campaña anticomunista actual, particularmente na Unión Europea, ten por obxectivo en primeiro lugar contrarrestar esta presenza e preparar o terreo para romper as protestas, manifestacións e folgas que son cada vez máis numerosas.

Ante a evolución material que sofre a clase obreira actual, os partidos comunistas teñen interese en darlle aínda máis importancia que antes a tres orientacións específicas.

Un: trátase ante todo de xogar un rol dirixente dentro da organización e a loita pola unidade da clase obreira, na súa alianza coas capas medias das cidades e cos campesiños pobres e de ingresos medio no campo.

Dous: é necesario intensificar as accións comúns dos comunistas, co fin de chegar a unha estratexia común dos partidos comunistas e os partidos obreiros contra o imperialismo.

Tres: o traballo entre a clase obreira non pode limitarse a cuestións económicas e sociais, senón que debe pór unha atención igual aos temas ideolóxicos e políticos, á loita polos dereitos democráticos (comprendidos os lugares de traballo), contra o racismo, pola paz (contra as guerras imperialistas), pola liberación nacional, pola protección do ambiente, e polos cambios radicais que minan os fundamentos da estrutura capitalista. Prepara desta forma a loita por unha sociedade sen a explotación do home polo home, polo socialismo.

6. O traballo dos partidos comunistas na clase obreira pasa inevitablemente tamén polo traballo nos sindicatos. Os sindicatos son as organizacións que reagrupan ao maior número de traballadores. O sindicato cumpre un papel diferente ao do partido comunista. O partido ten por obxectivo organizar a todos aqueles que conscientemente aspiran ao socialismo (o cal non é o caso de toda a clase obreira), mentres que o sindicato trata de organizar a case toda a clase obreira como clase. Non hai polo tanto «competencia» entre o partido e o sindicato. Pola contra, o Partido sostén a fondo a todas as forzas e correntes que se dedican a facer dos sindicatos verdadeiras organizacións de clase. O partido estimula a todos os seus membros a converterse en sindicalistas activos e a optar a cargos. Isto axudará aos traballadores comunistas a converterse en dirixentes de masas e a ter unha maior autoridade no debate político.

Os sindicatos tradicionais están influídos, de arriba a abaixo, por diversas correntes políticas. Á beira das numerosas forzas anti-capitalistas, hai forzas que presionan e actúan no sentido da (re)conciliación co sistema capitalista. Dúas correntes opostas están activas no seo dos sindicatos: a liña de loita de clases e a liña de colaboración de clases e de compromisos.

Os comunistas dirixen as suas criticas sobre todo contra os partidos da burguesía que tratan de impor os seus puntos de vista nos sindicatos e que asumen a defensa do capital. No traballo sindical mesmo, os comunistas distínguense pola súa vontade de facer avanzar a loita, polo seu apoio a todo o que é positivo, o que unifica e o que reforza os sindicatos como organizacións de clase. É certo que hai anti-sindicalismo nas bases, a partir das decepcións ou loitas desviadas polos responsabeis sindicais, así como pola propaganda da ideoloxía do individualismo e do corporativismo. Hai que transformar isto de xeito construtivo, para que haxa máis democracia e máis debate na sociedade. En poucas palabras, de maneira que os comunistas sexan os mellores combatentes por sindicatos fortes e combativos. En certos países, xurdiron novos sindicatos, nalgúns casos a iniciativa de partidos comunistas. É de vital importancia non abandonar ás masas organizadas no resto de sindicatos.

7. Ante a evolución da clase obreira, o papel unificador dos sindicatos convértese nunha necesidade aínda máis urxente. A estratexia do capital é a división e a dispersión da clase obreira. É tamén a de organizar a competencia entre as diferentes capas da clase obreira para impor unha espiral cara abaixo. As palabras de Marx a este propósito merecen ser citadas: «O capital é unha forza social concentrada, mentres que o obreiro non dispón máis que da súa forza de traballo individual (?). A única forza social dos obreiros está no seu número. Pero a forza numérica redúcese á nada pola desunión. A desunión dos obreiros é procreada e perpetuada debido á inevitable competencia entre eles mesmos [?] O obxectivo inmediato dos sindicatos era, no entanto, limitado ás necesidades cotiás, aos intentos de deter a incesante ofensiva do capital, nunha palabra, a cuestións de salarios e de duración do tempo de traballo. Semellante actividade dos sindicatos, ademais de lexítima, é necesaria. É indispensabel mentres exista o actual modo de produción?»

Hoxe, os sindicatos fan fronte aos ataques máis virulentos en todos os aspectos e traballan nun ambiente máis difícil. A dispersión da produción e a precarización dos contratos van á vez cun debilitamiento e unha sub-representación das forzas sindicais. A liberalización do mercado de traballo aumenta a competencia na clase obreira e subliña a urxencia da consígna «a traballo igual, salario igual». Desde calquera punto de vista, a razón mesma de ser dos sindicatos ponse en dúbida por leis anti-folga, por unha regulamentación estrita da paz social, polos xuízos dos tribunais que impón sancións e que atacan aos delegados sindicais. En moitos países, as zonas francas que aplican unha política “nin folga nin sindicato” causan grandes prexuízos aos dereitos dos traballadores e ás súas condicións de traballo e de vida.

Cada vez en maior grao, os sindicalistas son vítimas de diferentes formas de persecución, entre elas os asasinatos políticos.

Neste contexto global, o sindicalismo debe regresar ás súas orixes e volver completamente ao seu carácter pioneiro, militante e audaz. É a mesma evolución do capitalismo mundial a que o empuxa en tal dirección, so pena de ver diminuída a súa forza de resposta. Co seu traballo, os sindicatos deben unificar a todas as capas da clase obreira: aos que traballan e aos que están desempregados, aos traballadores inmigrantes e sen documentos legais así como aos traballadores autóctonos, aos traballadores con contrato estabel e a aqueles con contratos atípicos ou precarios.

Esta é tamén a condición para poder xogar o outro papel que lle foi atribuído por Marx: «Se dicimos que os sindicatos son necesarios para a loita de guerrillas entre o capital e o traballo, cabe saber que son aínda máis importantes como forza organizada para suprimir o propio sistema de traballo asalariado e dominio do capital».

Os partidos comunistas aproveitan todas as loitas e todos os debates no interior dos sindicatos para colocar a elección da sociedade na orde do día.



8. As forzas sindicais que toman a loita de clases como fundamento se deben unir a nivel nacional, rexional e sectorial, así como a nivel internacional no seo da Federación Sindical Mundial, pois a necesidade dun polo clasista no movemento sindical mundial é indispensablel na loita contra o capitalismo. Para moitos partidos, o traballo nos sindicatos que son dirixidos por forzas reformistas ou reaccionarias é prioritario pois as masas do seu país adhírense a elas.

É igualmente deber dos partidos comunistas axudar aos sindicalistas a organizarse a nivel internacional, desenvolver a solidariedade activa durante as loitas importantes. É así como se poderá construír unha verdadeira fronte da clase obreira internacional para rexeitar os ataques do capital internacional.

9. Nos países socialistas, os sindicatos son elementos esenciais na construción do socialismo, non só porque a través deles a orientación do partido alcanza a todas as masas, senón tamén porque a través deles deben chegar ao partido os sentimentos, as preocupacións e as iniciativas de todas as masas. Os partidos comunistas presentes mostran o seu pleno apoio ao traballo de emancipación que realizan e que contribúe a preservar e reforzar a natureza socialista do sistema.