sexta-feira, 20 de junho de 2008

Nicaragua e Bolivia declararanse libres de analfabetismo en 2009


Comeza en Cuba o Congreso Iberoamericano sobre Alfabetización


Guillermo Nova

A República



Este luns comezou en Cuba o Congreso Iberoamericano de Alfabetización coa presenza de máis dun milleiro de educadores, académicos e representantes de ministerios de Educación de máis de 30 países do mundo.


Tamén se realizará o Foro Social de Alfabetización protagonizado por organizacións non gobernamentais, movementos sociais, sindicatos e outras entidades que se destacaron polo seu apoio aos procesos de alfabetización.


O Congreso é un espazo para o intercambio académico acerca das principais experiencias, posicións conceptuais e resultados científicos sobre políticas, programas, métodos e estratexias de alfabetización e postalfabetización.


Ademais, o foro incluirá a realización de cinco cursos impartidos por especialistas cubanos sobre os métodos de alfabetización, especialmente o "Eu, si podo", que ensinou a ler e escribir a máis de 3,19 millóns de persoas.


Paralelamente, sesionará unha reunión da Alternativa Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA), onde se prevé que Bolivia e Nicaragua anuncien que quedarán libre de analfabetismo en 2008 e 2009, respectivamente.


O programa de alfabetización cubano "Eu, se podo" foi aplicado con éxito en varios países latinoamericanos, como Venezuela, Bolivia e Nicaragua.


En 2005, Venezuela foi declarada territorio libre de analfabetismo grazas ao programa de estudos cubano.


Estes encontros contan co apoio do Ministerio de Educación de Cuba; a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI); a secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB), e o Instituto Pedagóxico Latinoamericano e Caribeño (IPLAC).