segunda-feira, 14 de julho de 2008

As tres crises. Ignacio Ramonet

Non acontecera endexamais. Por vez primeira na historia económica moderna, tres crises de gran amplitude -financeira, enerxética, alimentaria- están a coincidir, confluíndo e combinándose. Cada unha delas interactúa sobre as demais. Agravando así, de xeito exponencial, a deterioración da economía real.

Por moito que as autoridades se esforcen en minimizar a gravidade do momento, o certo é que estamos ante un sismo económico de inédita magnitude, cuxos efectos sociais apenas empezan a facerse sentir e que detonarán con toda brutalidade nos meses vindeiros. O peor nunca é seguro e a numeroloxía non é unha ciencia exacta, pero o ano 2009 ben podería parecerse a aquel nefasto 1929...

Como era de temer, a crise financeira segue agudizándose. Ás desfeitas de prestixiosos bancos estadounidenses, como Bear Stearns, Merrill Lynch e o xigante Citigroup, sumouse o desastre recente de Lehman Brothers, cuarta banca de negocios que anunciou, o pasado 9 de xuño, unha perda de 1.700 millóns de euros. Por ser o seu primeiro déficit desde a súa saída en Bolsa en 1994, isto causou o efecto dun terremoto nunha América financeira xa violentamente traumatizada.

Cada día difúndense noticias sobre novos quebrantos nos bancos. Até o de agora, as entidades máis afectadas recoñeceron perdas de case 250.000 millóns de euros. E o Fondo Monetario Internacional estima que, para saír do desastre, o sistema necesitará uns 610.000 millóns de euros (ou sexa, o equivalente a dúas veces o orzamento de Francia!).

A crise comezou en Estados Unidos, en agosto de 2007, coa morosidade das hipotecas de mala calidade (subprime) e estendeuse por todo o mundo. A súa capacidade de transformarse e de estenderse mediante a proliferación de complexos mecanismos financeiros fai que esta crise se asemelle a unha epidemia fulminante imposíbel de atallar.

As entidades bancarias xa non se emprestan diñeiro. Todas desconfían da saúde financeira dos seus rivais. A pesar das inxeccións masivas de liquidez efectuadas polos grandes bancos centrais, nunca se viu unha seca tan severa de diñeiro nos mercados. E o que máis temen algúns agora é unha crise sistémica, ou sexa que o conxunto do sistema económico mundial colapse.

Da esfera financeira a crise trasladouse ao conxunto da actividade económica. De golpe, as economías dos países desenvolvidos arrefriáronse. Europa (e en particular España) está en franca desaceleración, e Estados Unidos vese a piques da recesión.

Onde máis se está notando a dureza deste axuste é no sector inmobiliario. Durante o primeiro trimestre de 2008, o número de vendas de vivendas en España caeu o 29%! Preto de dous millóns de pisos e de chalés non atopan comprador. O prezo do solo segue a caer. E a alza dos xuros hipotecarios e os temores de recesión afunden o sector nunha espiral infernal. Con feroces efectos en todas as frontes da enorme industria da construción. Todas as empresas destas ramas se sitúan agora no ollo do furacán. E asisten impotentes á destrución de ducias de milleiros de empregos.

Da crise financeira pasamos á crise social. E volven xurdir políticas autoritarias. O Parlamento Europeo aprobou, o pasado 18 de xuño, a infame "directiva retorno". E as autoridades españolas xa proclamaron a súa vontade de favorecer a saída de España dun millón de traballadores estranxeiros...

No medio desta situación de espanto prodúcese o terceiro choque petroleiro. Cun prezo do barril ao redor dos 140 dólares. Un aumento irracional (hai dez anos, en 1998, o barril custaba menos de 10 dólares...) debido non só a unha demanda disparatada senón, sobre todo, á acción de moitos especuladores que apostan pola alza continua dun carburante en vías de extinción. Os investidores foxen da burbulla inmobiliaria e desprazan masas colosais de diñeiro porque apostan agora por un petróleo a 200 dólares o barril. Estase así producindo unha financeirización do petróleo.

Coas consecuencias que vemos: formidábel suba dos prezos nas gasolineiras, e estoupidos de ira por parte de pescadores, camioneiros, agricultores, taxistas e todos os profesionais máis afectados. En moitos países, mediante manifestacións e enfrontamentos, estas profesións reclaman aos seus Gobernos axudas, subvencións ou reducións da fiscalidade.

Por se con todo este contexto non abondase, a crise alimentaria agravouse repentinamente e veu a lembrarnos que o espectro da fame segue ameazando a case mil millóns de persoas. Nuns corenta países, a carestía actual dos alimentos provocou levantamentos e revoltas populares. O Cumio da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) do pasado 5 de xuño en Roma sobre a seguridade alimentaria foi incapaz de alcanzar un acordo para relanzar a produción alimentaria mundial. Tamén aquí os especuladores en fuga do desastre financeiro teñen unha parte de responsabilidade porque apostan por un prezo elevado das futuras colleitas. De xeito que mesmo a agricultura se está financeirizando.

Este é o saldo deplorábel que deixa un cuarto de século de neoliberalismo: tres velenosas crises entrelazadas. Vai sendo hora de que os cidadáns digan: "Xa abonda!”

Le Monde Diplomatique