India: acordo en Wáshington, ruptura en Delhi
Higinio Polo
Diagonal
O acordo nuclear asinado en 2005 polo presidente norteamericano Bush e o primeiro ministro indio Manmohan Singh, (polo cal a India terá acceso a subministracións e tecnoloxía atómica estadounidense a cambio de someter o seu programa nuclear ao control do Organismo Internacional de Enerxía Atómica, OIEA) xustificouse, en Delhi, pola crecente necesidade de enerxía da India, unha das grandes potencias emerxentes do século XXI. Cunha industria que crece de forma imparable, Delhi pretende abrir sete centrais nucleares antes de 2020, que se engadirán ás quince existentes, pero a India, que non subscribiu o Tratado de Non-proliferación nuclear, non dispón de uranio. Esa é unha das claves do acordo con Wáshington. Con ese pacto, Estados Unidos (que prevé participar na venda de uranio á India, para cuxo fornezo o goberno indio calcula que terá que investir uns dez mil millóns de dólares) move as súas fichas, porque, ademais de conseguir o control parcial do programa nuclear indio, ten claros obxectivos estratéxicos en Asia.
O pacto, que previamente debe ser aprobado polo OIEA, ha de ser subscrito polo Congreso norteamericano (onde se levantaron voces críticas polo aval implícito que supón a un país que non asinou a non-proliferación nuclear) antes de novembro deste ano, cando conclúe o mandato de Bush, e os prazos son moi axustados. Por iso, o primeiro ministro Singh decidiu, a risco da estabilidade do seu goberno, forzar a súa aprobación en Delhi.
En outubro de 2007, Singh paralizara, momentaneamente, o acordo con Wáshington mentres trataba de vencer a resistencia dos seus aliados comunistas no goberno, á vez que negociaba co OIEA. Singh cría que podería superar a oposición comunista, aínda que era consciente de que os comunistas indios declararon desde o principio que non estaban dispostos a seguir no goberno se este aprobaba un acordo que, na súa opinión, hipoteca a política exterior india e perfila unha alianza co principal país imperialista do mundo, ?unha potencia que aplica unha agresiva política exterior?, como afirmou un dirixente comunista no Parlamento. É obvio que Singh calculou mal os seus pasos.
Así, logo de catro anos de alianza gobernamental (na chamada Alianza Unida polo Progreso, UPA, creada tras as eleccións de 2004 e dirixida polo Partido do Congreso de Sonia Gandhi), a Fronte de Esquerda (composto polo Partido Comunista Marxista (CPI-M), o Partido Comunista (CPI), o Partido Socialista Revolucionario (SRP) e o Bloque FB) decidiu a ruptura co goberno de Singh. Influíu tamén na súa decisión, a insatisfacción da Fronte de Esquerda pola reticente postura do primeiro ministro para dar satisfacción ás reivindicacións populares, das que os comunistas son portavoces no Parlamento. A elevada inflación, por exemplo, está a afectar de forma grave aos salarios. Os comunistas consideran, ademais, que o acordo nuclear abrirá o paso á colaboración militar e a conceder novas facilidades a Wáshington para que penetren na industria, a educación e os recursos indios.
Bush reuniuse con Singh no recente cume do G-8 en Xapón, onde o primeiro ministro indio apostou por unha nova relación con Wáshington. Na súa dubitativa política interior e exterior, o Partido do Congreso de Sonia Gandhi e Manmohan Singh consegue un acordo en Wáshington, pero abre unha etapa de inestabilidade que pode facer caer o propio goberno, aínda que Singh confía en conseguir o apoio dalgúns pequenos partidos rexionais e nacionalistas para recompor a súa maioría no Parlamento.
Co acordo, o goberno de Singh espera resolver as necesidades enerxéticas da India e gañar o favor de Wáshington nos seus vellos litixios co Paquistán (compre lembrar que a tensión entre ambos os países é tal que o goberno indio acusou aos servizos secretos paquistanís, o ISI, de organizar o atentado contra a embaixada india en Kabul, en xullo, que causou cincuenta e catro mortos). Pola súa banda, o goberno norteamericano, que nunca viu con bos ollos a alianza de Singh cos comunistas, consegue supervisar o programa nuclear civil indio e confía en atraer a Delhi a unha postura de maior dureza cara a Irán, así como en conseguir vantaxes na India aproveitando a rolda Doha sobre liberalización comercial, penetrar no sistema educativo indio, e, sobre todo, pór as bases para conseguir unha alianza coa India que sirva de contrapeso a China.