terça-feira, 1 de julho de 2008


Manifesto de Madrid para a erradicación da tortura e os malos tratos
Manfiesto feito público, con motivo do Día Internacional de Apoio ás
Vítimas da Tortura, pola Coordinadora para a Prevención da Tortura
e outras orgabizaciones de Dereitos Humanos.
Coordinadora para a Prevención da Tortura


As abaixo asinantes, organizacións non gobernamentais de dereitos humanos
comprometidas coa erradicación da tortura e malos tratos en España e
o mundo, diríxense á opinión pública con ocasión da celebración do
Día Mundial de Apoio ás Vítimas da Tortura e manifestan:

1. España debe adoptar as medidas inmediatas de protección contra a
tortura que foron recomendadas polos órganos internacionais de dereitos
humanos. Entre elas:
1.1. As máis altas instancias políticas deben proclamar o seu absoluto rexeitamento
da tortura e malos tratos.
1.2.O Goberno debe ordenar investigacións disciplinarias ante todo caso
de tortura que se denuncie ou do que se teña noticia. Como medida puramente
cautelar, débese separar do seu cargo aos funcionarios investigados.
1.3. O Estado debe establecer un mecanismo independente do Goberno e das
forzas e corpos de seguridade, con competencia para investigar os
casos de tortura e malos tratos dos que se teña noticia.
1.4. O Executivo debe colaborar lealmente cos tribunais na
investigación xudicial que se realice ante toda denuncia de tortura ou malos
tratos formalizada pola presunta vítima. Polo mesmo, debe comprometerse
a acatar as sentenzas condenatorias por tortura e malos tratos,
absténdose de indultar aos axentes de policía que resulten condenados.
1.5. O Goberno debe adoptar medidas para asegurar que todas as
autoridades estatais (gobernamentais ou non) e todas as administracións
(estatais, autonómicas ou municipais) outorguen a máxima protección e
respecto aos defensores de dereitos humanos no exercicio das súas
funcións, absténdose de obstaculizar directa ou indirectamente as súas
actividades a modo de represalia, cando exercen o seu lexítimo dereito de denunciar
comportamentos ou condutas prohibidas.
1.6. Debe implantarse a obriga de gravar en soporte audiovisual as
sesións de interrogatorio a todo tipo de detidos, en todas as Comisarías
da Policía Nacional, Cuarteis da Garda Civil, Policías Autonómicas
e Locais de toda España.
1.7. Debe revisarse urxentemente a lexislación antiterrorista en vigor, que
permite manter incomunicados a detidos sospeitosos de actividades
terroristas.
1.8. Debe rematar a xurisdición especial da Audiencia Nacional para a
represión dos delitos de terrorismo.

1.9. Deben revisarse as actuais definicións de delitos terroristas nos
Artigos 572 a 580 do Código Penal, porque levan un risco de deterioración
gradual da noción de terrorismo.
1.10. As medidas antiterroristas do Estado deben ser compatibles coas súas
obrigas internacionais en materia de dereitos humanos, en particular
os dereitos protexidos polo Art. 4.2 do Pacto Internacional de Dereitos
Civís e Políticos e o principio de non discriminación, porque a súa
suspensión non se permite baixo ningunha circunstancia. En particular, deben
preservarse as seguintes garantías: o dereito do detido a ser visitado
polos seus familiares, un médico e un avogado da súa elección desde o mesmo
momento da súa detención; a presunción de inocencia do detido; a
prohibición de condenar ao acusado sobre a base de confesións
extraxudiciais; e a obrigación do médico forense de emitir os seus
certificados médicos conforme aos requirimentos do Protocolo de Istambul.

2. España debe establecer urxentemente un mecanismo nacional de prevención
da tortura, conforme ao disposto no Protocolo Facultativo da
Convención das Nacións Unidas contra a tortura e outros tratos ou penas
crueis, inhumanos ou degradantes, ratificado por España en 2006.
2.1. O obxectivo do citado Protocolo Facultativo é dobre: previr a
tortura e malos tratos, e asegurar a igualdade de medios de protección
contra a tortura para todos.
2.2. A prohibición da tortura e malos tratos é absoluta no Dereito
internacional dos dereitos humanos. Xa que logo, o mecanismo nacional para
a prevención da tortura (MNP) debe ser efectivo para impedir a
violación de prohibicións que non admiten matices.

2.3. O MNP debe respectar os principios de independencia funcional, acción
descentralizada e transparencia.
2.4. Unha lei tramitada polo procedemento de urxencia debe crear o MNP
como institución do Estado de novo cuño e dotada de orzamento propio.
2.5. Os membros do MNP deben ser expertos independentes, con participación
da sociedade civil e de todos os sectores interesados,
excluídos os poderes públicos.
2.6. O MNP debe asegurar que a protección mediante a prevención opere de modo
uniforme en todos os lugares de privación de liberdade das persoas
e sen discriminación entre elas, co fin de evitar espazos de impunidade,
de protección desigual ou non protexidos pola prevención.
2.7. A descentralización do MNP supón que a súa estrutura interna responda
ao modelo do Estado das Autonomías. Xa que logo, débense prever órganos
colexiados dependentes do MNP que, coordinados por este, exerzan
eficazmente os labores de prevención, adaptándose ás competencias que
corresponden ás Comunidades Autónomas e Concellos en lugares de privación
de liberdade, nos que tamén é necesario previr a tortura e
malos tratos, así como exercer as demais funcións propias do MNP. Á súa vez,
tanto o órgano central como os descentralizados do MNP que se cren,
deberán incorporar no seu seo a expertos procedentes da sociedade civil.
2.8. O Goberno debe anunciar un compromiso formal de recuperar a
interlocución coa sociedade civil, que foi interrompida o 18 de decembro
de 2007. Tamén debe confirmar que cumprirá efectivamente os seus compromisos,
anunciados polo Ministro de Xustiza en sede parlamentaria, para chegar "a bo
porto e pronto", e así lograr que o MNP español sexa en verdade un
mecanismo novo, mixto, independente, descentralizado e transparente. Para rematar,
o Goberno debe proseguir o diálogo con todas as partes
interesadas, en particular a sociedade civil, e anunciar sen máis dilación un
calendario racional de reunións, con indicación clara das materias a tratar.

2.9. A interlocución debe ser franca e aberta. Tamén o resultado das
reunións que se celebren, que se concretará en informes claros e públicos,
en cuxa elaboración teñan a posibilidade de participar todos os
sectores interesados asistentes ás mesmas. Os informes públicos
asegurarán a necesaria transparencia de todo o proceso de interlocución.
2.10. O Goberno debe distribuír o seu proxecto de MNP sen máis dilación, dando
tempo suficiente para que os distintos actores poidan coñecelo,
estudalo e formular suxestións que fagan máis frutíferas as futuras
reunións de interlocución.
2.11. O Goberno debe financiar polo menos o traslado e aloxamento en Madrid
dos representantes das onG que desexen participar nas
reunións de interlocución que se convoquen.
Madrid, 26 de xuño de 2008



Coordinadora para a Prevención da Tortura
Federación de Asociacións de Defensa e Promoción dos Dereitos Humanos de España

Asociación Prol Dereitos Humanos de España, e
Asociación Española para o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos


Máis información en Kaos na Rede