domingo, 13 de julho de 2008



Retirada da Directiva Europea das 60 horas semanais
Chamamos á Confederación Sindical Europea (CES) a que converta os paros
entre 5 e 15 minutos do DIA 7 DE OUTUBRO nunha FOLGA XERAL EUROPEA DE 24
HORAS, con grandes manifestacións
COMITÉ DE EMPRESA de TELEFONICA BARCELONA (Kaos. Laboral) [11.07.2008 19:02]



Acordado por unanimidade de todos os sindicatos (Co.bas, CXT, UXT, CCOO,
STC, EC) o día 11/07/2008
O pasado 9 de xuño os ministros de Traballo da Unión Europea, sen
ningún voto en contra, aprobaron unha "proposta de modificación" da
actual Directiva sobre o tempo de traballo.

Esta Directiva autoriza aos Estados membros a cambiar as súas leis para
permitir o alongamento da xornada semanal de traballo ata as 60 horas
(ou 65 no caso de colectivos como o sanitario ou bombeiros, cuxos descansos
nas gardas deixan de considerar tempo de traballo). Como o límite das
60 horas é, ademais, unha media trimestral, a xornada real podería
prolongarse ata as 78 horas. No caso de contratos de menos de 10
semanas non haberá nin sequera estas "limitacións".

Este brutal atropelo queren levalo a cabo, ademais, mediante acordos
individuais traballador-empresa, á marxe dos convenios colectivos e da
representación sindical dos traballadores, o que representa un ataque
frontal a unha das maiores conquistas da loita dos traballadores: o seu
dereito á representación e a negociación colectiva.

Esta Directiva indigna debe pasar agora polo Parlamento Europeo para
a súa aprobación definitiva.
Manifestamos o noso rexeitamento total á Directiva

En 1919 a OIT oficializó a xornada máxima de 48 horas semanais, logo dunha
longa loita do movemento obreiro internacional polas 8 horas.
Agora, QUÉRENNOS FACER RETROCEDER MÁIS DUN SÉCULO, póndonos de novo en xornadas
"legais" de 10 a 12 horas e seis días por semana. Os mesmos que nos queren alargar o tempo de traballo, queren tamén que nos xubilemos
aos 70 anos, acabar coas conquistas sociais e privatizar os servizos
públicos.
Xogámonos moito. Por unha folga xeral de 24 horas o día 7 de Outubro

Coa Directiva do tempo de traballo, xogámonos unha enorme volta atrás
e o futuro das novas xeracións de traballadores. Unha agresión desta
envergadura esixe unha resposta xeral contundente en toda Europa. Non
bastan presións diplomáticas sobre os parlamentarios ou gobernos, nin
accións testemuñais.

Por iso, chamamos á Confederación Sindical Europea (CES) a que converta
os paros entre 5 e 15 minutos do DIA 7 DE OUTUBRO nunha FOLGA XERAL
EUROPEA DE 24 HORAS, con grandes manifestacións, para esixir, en nome da
clase traballadora, a inmediata retirada da Directiva. Se non se acepta
a proposta, en setembro discutiremos como o concretamos.

Ao mesmo tempo, esiximos aos europarlamentarios o rexeitamento directo da
Directiva e ao Goberno que se exprese con toda claridade contra a Directiva
e chame ó seu repudio en toda Europa.


Máis información en Kaos na Rede:
Estado Español
Internacional
Laboral / Economía